A Xunta investirá máis de 200.000 euros na renovación do albergue xuvenil de Area, en Viveiro

AMariñaXa
As obras permitirán modernizar os baños e vestiarios, renovar a calefacción e mellorar as redes de saneamento e abastecemento de auga nun prazo de seis meses
viveiro-albergue-campamento-xuvenil_Area
23 Oct 2026

O Albergue Xuvenil de Area, en Viveiro, será obxecto de diversas melloras tras a adxudicación por parte da Xunta de Galicia dunhas obras por máis de 200.000 euros. A intervención busca actualizar as instalacións e mellorar as súas condicións de uso, cun prazo de execución previsto de seis meses, segundo recolle o Portal de Contratación.

O proxecto inclúe a reforma dos baños e vestiarios, onde se renovarán os pavimentos, os revestimentos e os falsos teitos. Tamén se substituirá parte do sistema de calefacción, en concreto os radiadores e as tubaxes, co obxectivo de poñer a punto estas instalacións.

Os traballos abranguen, ademais, a renovación parcial da rede de saneamento e da conexión co pozo de bombeo. A actuación completarase coa mellora do abastecemento de auga mediante a intervención na acometida do edificio.

O albergue forma parte dos equipamentos empregados na campaña Modo Verán Activo, que na última tempada estival ofertou na provincia de Lugo 2.672 prazas para actividades de lecer dirixidas á mocidade. Delas, 1.963 corresponderon aos campamentos organizados no propio Albergue Xuvenil de Area, no Benigno Quiroga de Portomarín e no Lug II de Lugo.

A oferta provincial incluíu tamén os campamentos xuvenís da Devesa, en Ribadeo, e dos Chacotes, en Palas de Rei.

0.14736199378967