A Xunta destina 350.000 euros á renovación da Avenida de América en Ribadeo

A Xunta de Galicia investirá 350.000 euros na mellora da Avenida de América de Ribadeo, unha actuación que se materializa a través dun convenio asinado este martes entre o alcalde, Dani Vega, e a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue. As obras está previsto que comecen o vindeiro mes de xullo.
O proxecto contempla unha intervención ampla nesta vía, coa renovación das beirarrúas, a creación dunha nova rotonda nas proximidades dos terreos onde se construirá o futuro centro de saúde, así como a actualización da sinalización e o reforzo da seguridade viaria. Ademais, incluirase novo mobiliario urbano, melloras na xestión de residuos e o soterramento do sistema eléctrico, o que permitirá modernizar a imaxe e funcionalidade do espazo.
O alcalde destacou que unha parte importante do investimento se destina a actuacións menos visibles pero fundamentais, como a renovación das redes de saneamento e a substitución do firme. Tamén subliñou a relevancia das obras de canalización e do sistema de iluminación, que contribuirán a unha mellor prestación dos servizos básicos.
Para Dani Vega, esta intervención supón un paso clave no proceso de transformación urbana de Ribadeo. O rexedor puxo en valor o traballo de captación de recursos doutras administracións e a capacidade de xestión do Concello, que permite acometer investimentos significativos sen comprometer as contas municipais.
Durante o acto, o alcalde tamén agradeceu a colaboración da Xunta de Galicia, destacando a relación institucional existente e a disposición a seguir impulsando proxectos conxuntos. Neste sentido, avanzou que este non será o único acordo que se formalice ao longo do ano, xa que o Concello continúa traballando en novas iniciativas.
A actuación na Avenida de América enmárcase nunha estratexia máis ampla de mellora das infraestruturas municipais, que inclúe tamén proxectos vinculados ao abastecemento, ao saneamento e ao desenvolvemento de vivenda. Neste último ámbito, o Concello de Ribadeo impulsa un plan que contempla a creación de 300 vivendas, unha iniciativa que o goberno local considera clave para planificar o crecemento futuro do municipio.