A Xunta adxudica por máis de 2,1 millóns de euros a rehabilitación de tres inmobles en Ribadeo

AMariñaXa
A actuación, integrada no programa Rexurbe, permitirá habilitar pisos destinados ao alugueiro accesible con preferencia para menores de 36 anos
Ribadeo-seis-vivenda-publicas-nas-ruas-Bispo-Veres-e-Trinidade-2025
21 Jun 2026

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas adxudicou as obras de rehabilitación de tres inmobles situados no casco histórico de Ribadeo para a creación de seis novas vivendas de promoción pública destinadas ao alugueiro accesible. As vivendas estarán dirixidas ás persoas inscritas no rexistro municipal de demandantes de vivenda, establecéndose preferencia para os menores de 36 anos.

A actuación foi adxudicada por un importe superior aos 2,1 millóns de euros, concretamente 2.166.999,39 euros, á Unión Temporal de Empresas UTE Inside Oviga Ribadeo, integrada por Inside The Team SLU e Obras y Viales de Galicia SL.

Esta iniciativa forma parte do programa Rexurbe, a través do cal a Xunta adquiriu no ano 2022 tres inmobles localizados nos números 2 e 4 da rúa Bispo Veres e no número 32 da rúa Trinidade. A compra destes edificios supuxo un investimento próximo aos 150.000 euros. Trátase de inmobles con valor histórico e patrimonial para Ribadeo que actualmente presentan un importante estado de deterioración.

As vivendas resultantes da rehabilitación terán cualificación pública de carácter permanente, incorporándose deste xeito ao parque residencial de titularidade autonómica. Posteriormente, serán adxudicadas en réxime de alugueiro entre as persoas inscritas no rexistro municipal de demandantes de vivenda, dando prioridade á poboación moza menor de 36 anos.

Das seis vivendas previstas, catro estarán situadas nos inmobles da rúa Bispo Veres, integrados nun edificio con protección patrimonial integral. Un destes inmobles formaba parte da antiga muralla medieval da vila, unha estrutura histórica datada no século XIII. Ambos edificios están unidos e compartirán espazos comúns, mantendo as conexións orixinais existentes entre eles.

A intervención desenvolverase cun especial coidado na conservación dos elementos arquitectónicos e decorativos máis relevantes, entre eles os recercados e os tornachoivas, ademais de reproducir a cuberta orixinal e empregar pizarra do país para o tellado. Estes mesmos criterios de conservación tamén serán aplicados ao inmoble situado na rúa Trinidade.

Con este novo proxecto, o departamento dirixido por María M. Allegue continúa avanzando na ampliación do parque público de vivenda da comunidade autónoma, ao tempo que aposta pola rehabilitación e recuperación dos centros históricos como ferramenta para impulsar a rexeneración urbana e favorecer a fixación de poboación nestas contornas.

0.11916995048523