A XL Feira do Bonito de Burela reivindica o produto mariñeiro e o traballo da xente do mar

A presidenta da Deputación de Lugo e alcaldesa de Burela, Carmela López, inaugurou a XL Feira do Bonito, unha cita declarada Festa de Interese Turístico Nacional que se celebra ao longo desta fin de semana no municipio mariñán. No acto participaron tamén o deputado de Medio Rural, Daniel García, membros da corporación municipal, representantes da Confraría de Pescadores de Burela e outras autoridades.
Durante a súa intervención, Carmela López destacou a traxectoria dunha feira que alcanza este ano a súa corenta edición e puxo en valor a súa importancia para a promoción do sector pesqueiro e da identidade mariñeira da comarca. A mandataria provincial subliñou que a celebración converte Burela e A Mariña nun escaparate de referencia para a gastronomía, os produtos do mar e as tradicións vinculadas á pesca, ademais de contribuír á dinamización económica do comercio e da hostalaría local.
O programa arrincou co izado da bandeira azul no barco Reina del Carmen e continuou coa entrega dos premios do concurso de carteis. Posteriormente recoñeceuse a Idara López e a José Ramón Martínez cos galardóns de Asador Maior e Colaboradora de Honra da Feira, respectivamente. A continuación, a instagramer Paula Jorge Horta foi a encargada de pronunciar o pregón desta edición.
Tras o acto institucional deu comezo a tradicional degustación gastronómica, na que os asistentes puideron probar bonito cocido, bonito asado á grella e empanada. A programación do sábado completouse con distintas actuacións musicais.
A feira continuará este domingo con actividades infantís e coa apertura da carpa gastronómica ás 13.30 horas. Nesta segunda xornada, a proposta culinaria estará protagonizada por unha tapa de filloa de Muimenta rechea de bonito e unha ración de marmitako, completando así un programa que rende homenaxe a un dos produtos máis representativos da costa lucense.