A voz dos alcaldes: Demetrio Salgueiro, alcalde de Xove

Explíquenos un pouco como se iniciou na política e como se vinculou ao seu partido.
Con 18 anos, no primeiro ano de Universidade, fixen un curso de Comercio Exterior que organizaba o Partido Popular en Santiago. Alí coñecín moita xente e afilieime ó partido porque compartía os ideais dun partido de centro, dos principios de liberdade e igualdade, da xestión e das persoas, así como da importancia da política para acadalos e ter unha sociedade máis xusta.
Como deu o salto o recibiu o impulso para ser alcalde?
Propuxéronme dende o Partido Popular encabezar a lista no ano 2007, nun momento moi difícil para o partido en Xove, xa que tras estar gobernando con maioría absoluta dende había moitos anos, o Partido Popular quedara sen representación no Concello. Formamos unha lista con xente nova, formada, e con ilusión por traballar para Xove, gañamos as eleccións, e aquí sigo, por certo ca mesma ilusión que ca que cheguei a pesar do paso do tempo.
A nivel persoal, que sacrificios supón formar parte do Goberno do Concello?
O peor, perder moito tempo para estar ca familia. O meu fillo naceu o mesmo ano que entrei de Alcalde e non puiden desfrutar da súa infancia o que me tivera gustado. Son momentos que non se recuperan. Por iso, teño que agradecer á miña familia o seu sacrificio, comprensión e apoio, xa que a política municipal require moita adicación e nun concello pequeno máis aínda, xa que o Alcalde, aínda que delegue cousas, debe estar en tódalas decisións e estar ó fronte da xestión municipal.
E beneficios?
O orgullo de ver proxectos cumpridos que melloran o pobo e a calidade de vida dos veciños. Sobre todo os que levan moito de tempo e traballo e moitas trabas administrativas.
Cales son os seus obxectivos a nivel político?
A nivel político o meu único obxectivo é que os veciños estean orgullosos do seu concello e me vexan como un xestor que trata de conseguir o mellor para Xove.
E como Goberno de cara á próxima lexislatura?
Cara á próxima lexislatura, pido que o que estea, xa que hai unhas eleccións por medio, teña os mesmos obxectivos que mencionei na anterior pregunta.
Está a favor dos pactos para conformar un Goberno estable?
Si se demostra que son bos para o Concello e para os veciños si. Algúns pactos só se fan para evitar que gobernen outros, sen pensar as consecuencias, e eses pactos non son bos.
Cales son as principais liñas do seu programa?
Xove é un referente en Servizos Sociais e en apoio e colaboración co tecido asociativo que da vida ó municipio, polo que é preciso coidar ambas cousas. Precisamos incrementar o solo industrial, para conseguir atraer novas empresas xeradoras de postos de traballo. Traballamos tamén para mellorar as infraestruturas existentes, como son as estradas da Deputación e a rede viaria municipal ou as diversas instalacións municipais e crear algunhas novas, como o Centro de día ou o Porto Deportivo. É imprescindible tamén levar unha xestión rigorosa, eficiente e eficaz dos recursos municipais.
Cales considera que son as principais necesidades no seu concello?
Neste momento estamos traballando para mellorar a calidade e xestión da auga, para o que se farán obras importantes e suporá un antes e un despois. Tamén é esencial mellorar a rede viaria da Deputación no Concello, arterias principais de comunicación cos distintos núcleos de poboación, para o que temos un convenio asinado e do que empezarán as obras en breve. Así como todos os que mencionei anteriormente.
De que proxectos se sente máis orgulloso?
Ademais de todos os mencionados, nos que estamos a traballar intensamente, teño que mencionar a residencia de Aspanane, que abrirá as súas portas a finais do verán e que axudará a moitas familias.
Que lle gustaría que os veciños visen en vostede como alcalde?
Gustaríame que me visen como unha persoa próxima, humilde e traballadora que trata de resolver os problemas e que só busca o mellor para Xove.
Como é a súa relación coa oposición?
Trato de ter unha relación cordial. Calquera persoa que traballe para mellorar o municipio e non só para facer política terá o meu recoñecemento.
EN CLAVE PERSOAL
- Idade, estado civil e familiar.
54 anos, casado con 1 fillo. - Profesión e formación.
Licenciado en CC Económicas pola USC, e empregado do Concello de Burela, en excedencia dende o 2007. - Que quería ser de maior.
De pequeno futbolista, como moitos nenos. - Que fas para desconectar?
Ir de pesca, xogar ó billar e pasear. - Unha virtude e un defecto.
Como virtudes a humildade e a positividade e como defecto seguro que moitos como todo o mundo. - Un consello para compartir.
Escoita moito e pensa antes de falar. - Un libro.
Crimen y Castigo - Unha película.
Cadena Perpetua. - Un grupo de música/cantante.
Metallica - Unha afección.
A pesca e o billar. - Un lugar que visitar.
Os acantilados de Morás - Unha comida e unha bebida.
O cocido cun pouco de viño tinto. - Unha personaxe admirada.
Amancio Ortega. - Unha posesión prezada.
A miña casa. - Un desexo.
Que haxa paz e máis bondade e comprensión nas persoas. - Algo para esquecer.
Ver sufrir ás persoas, sobre todo ós seres queridos. - Que é o que máis valora nunha persoa?
A humildade e a capacidade de traballo. - Como equilibra a vida pública e a privada?
Trato de desconectar coa familia sempre que podo, aínda que o da Alcaldía é un traballo moi absorbente, que deixa pouco tempo libre. - Usa redes sociais e Whatsapp?
Whatsapp a miúdo, moitas veces tamén por traballo. Outras redes, aínda que as miro, teño que recoñecer que cada vez as uso menos, xa que vexo moito odio e moito perfil feito só para a crítica e o insulto sen aportar nada. - Un desafío pendente.
Ter tempo para viaxar máis, coñecer lugares, aínda que non é un desafío, senón un desexo. - Onde se ve en cinco anos?
Supoño que traballando. Non teño grandes aspiracións e prefiro non pensar a longo prazo, senón ir día a día.