A voz dos alcaldes: Ana Ermida Igrexas, alcaldesa de Barreiros

GaliciaXa | AMariñaXa
A rexedora destaca os avances acadados e sinala como retos clave a creación de novos servizos
Ana-Ermida-BNG-Barreiros-2026
30 May 2026

Como se iniciou na política e como se vinculou ao seu partido?

Dun xeito moi natural, na adolescencia. No instituto comecei a tomar consciencia do idioma e da situación na que estaba o noso País. Aí entrei en contacto co movemento estudantil nacionalista e, a raíz de aí, con Galiza Nova e o BNG. Entendino como os instrumentos para poder facer as cousas nas que eu cría (e creo) necesarias para o País.

Como deu o salto o recibiu o impulso para ser alcaldesa?

Foi tamén parte dun proceso normal. Eu xa participaba activamente en política, tanto local coma a outros niveis; formaba parte da lista electoral en Barreiros e avaliouse colectivamente que era necesario facer algún cambio nesas listas para poder cambiar Barreiros. As compañeiras e compañeiros confiaron en min para esa función e ata hoxe!

A nivel persoal, que sacrificios supón?

Supoño que todas contestaremos dun xeito similar, porque as alcaldías son máquinas de consumir tempo e dedicación. E iso tes que restarllo a outras facetas da túa vida, sobre todo, á familia. E, sobre todo, que cando dispós dese tempo, non sabes realmente cando vai ser, porque sempre estás supeditada a calquera imprevisto que che modifica todo.

E beneficios?

Pois o orgullo de ver como podes ir facendo avanzar e mellorar o teu concello. Como podes axudar a que a xente viva mellor e se sinta máis orgullosa de ser de Barreiros. Para min o máis gratificante é ver o meu concello mellor que cando cheguei á alcaldía.

Cales son os seus obxectivos a nivel político?

O meu obxectivo é seguir mellorando Barreiros. Seguir traballando en facer un lugar agradable para vivir, con servizos e no que a xente se sinta orgullosa de ser barreirense.

E como Goberno de cara á próxima lexislatura?

Temos que seguir traballando en aspectos fundamentais como os servizos básicos e tamén poñer enriba da mesa novos servizos como un centro de día ou unha residencia para que as persoas maiores poidan ter estes servizos a carón das súas casas.

Está a favor dos pactos para conformar un Goberno estable?

Gobernar é chegar a acordos e ser capaces de dialogar e entenderse para conseguir o mellor para o noso concello. Os pactos entre forzas políticas que comparten obxectivos e que son capaces de poñer o interese xeral por riba do demais son instrumentos democráticos e que ademais representan á perfección a vontade da xente que confía o seu voto ás organizacións políticas. O estraño sería pactar con quen defende o contrario ca ti ou que defende posicións que van en contra dos dereitos dalgún colectivo. Sería estraño, antidemocrático e deshonesto.

Cales son as principais liñas do seu programa?

As persoas no centro das políticas e das decisións. As actuacións que se leven a cabo deben ser para mellorar a vida da xente e facilitar o acceso aos servizos con independencia de onde vivas. Democratizar as actividades de ocio, deportivas ou culturais. Mellorar os servizos básicos. Facer espazos para ser utilizados polas persoas. E xestionar o que é de todas e todos para todas e todos.

En resumo: poñer o goberno do concello ao servizo da xente e para mellorar as súas vidas.

Cales considera que son as principais necesidades no seu concello?

Barreiros precisa adaptar os seus servizos ao desenvolvemento que tivo noutros ámbitos e que non se acompañou das necesidades para a xente.

Precisamos seguir reforzando servizos como o abastecemento de auga ou o saneamento. Pero tamén crear espazos agradables para a xente, nos que socializar e crear pobo. Neste sentido, o inicio das sendas peonís e ciclables para unir os núcleos coa zona de praia van marcar un antes e un despois na mobilidade deste concello e mostrar os pasos para facer un Barreiros máis humano.  E, por suposto, esixir da Xunta que nos trate como ao resto de concellos e que nos dote dun centro de día e residencia para cubrir as necesidades das persoas maiores e das súas familias.

De que proxectos se sente máis orgullosa?

Síntome especialmente orgullosa de como melloramos e recuperamos locais para enchelos de vida para a veciñanza: as escolas de San Cosme, as melloras no local social de San Xusto e a creación da biblioteca rural, a dotación das escolas de San Miguel de calefacción ou material para facelas máis confortables para as actividades que ae desenvolven nelas, a recuperación das escolas de Vilamartín Pequeno e do Teleclub de Vilamartin Grande ou o Teleclub de San Cosme, que non é só recuperar un local, senón darlle unha nova vida adaptada aos tempos e ás necesidades sociais actuais.  E despois o proxecto dos mercados estacionais. Porque representa todo o que queremos para Barreiros: dinamismo social e económico, posta en valor da artesanía e dos produtos locais e de proximidade, espazo de socialización con actividades lúdicas e culturais para todas as idades… e todo isto enchendo de vida San Cosme e a praza do Concello. Creo que nos identifica como goberno, que marca o camiño como proxecto e que aporta valor a Barreiros e á súa xente.

Que lle gustaría que os veciños visen en vostede como alcaldesa?

Eu creo que o que ven: unha veciña que traballa con amor e paixón por mellorar o concello desde a posición de alcaldesa, como antes o fixen desde asociacións, clubs ou a comisión de festas da miña parroquia, coma tantas outras veciñas e veciños. Só quero transmitir o meu amor por Barreiros e o orgullosa que me sinto de representalo como alcaldesa e de poñer todo o que podo para que mellore e, con iso, mellorar o lugar no que nacín, no que me criei, no que vivo e no que quero que vivan os meus fillos.

Como é a súa relación coa oposición?

A nivel persoal é boa. Son persoas que fan parte da súa vida aquí, aínda que non estean no día a día. E sempre digo que o respecto e a convivencia deben primar. Agora ben, a nivel político boto de menos que aporten algo para este concello. Porque, se queremos, todos podemos aportar e construír; pero a oposición aquí colocouse nunha posición de convidados de pedra que se moven ao ritmo que lles marcan desde fóra. E iso é perigoso e triste ao mesmo tempo, porque quen fai política desde fóra non vai ter como prioridade a Barreiros. E niso sempre imos estar en polos opostos. Porque para min o principal e o que me move e o concello no que nacín, no que vivo e no que quero que poidan vivir os meus fillos.

 


EN CLAVE PERSOAL

  • Idade, estado civil e familiar
    42 anos, casada e con dous fillos.
  • Profesión e formación
    Licenciada en Dereito e era funcionaria interina nun concello.
  • E se non foras funcionaria que che gustaría ser?
    Sempre tiven vocación de servizo público. Encántame a administración pública.
  • Que quería ser de maior?
    Mestra.
  • Que fas para desconectar?
    Deporte, lectura e viaxar cando as circunstancias o permiten.
  • Unha virtude e un defecto.
    A seriedade, integridade e honradez, e defecto, ser moi autoesixente.
  • Un consello para compartir.
    Intenta poñerte sempre no lugar de quen tes enfronte.
  • Un libro.
    La historia interminable.
  • Unha película.
    La vida es bella.
  • Un grupo de música.
    O meu estilo vai desde Rage Against the Machine a Rosalía e Grande Amore.
  • Unha afección.
    Viaxar.
  • Un lugar que visitar.
    Teño ganas de visitar Rusia.
  • Unha comida e unha bebida.
    Un cocido para o inverno e unha ensaladilla no verán, e para beber, auga.
  • Unha personaxe admirada.
    Prefiro quedar con aprendizaxes que con idolatrar. Por exemplo quedo con Angela Davis, Rosalía de Castro ou Pepe Mujica.
  • Unha posesión prezada.
    As posesións máis especiais téñoas na cabeza e no corazón.
  • Un desexo.
    Quen se dedique á política que o faga por vocación.
  • Algo para esquecer.
    Nada. Ata do máis negativo hai que aprender.
  • Que é o que máis valora nunha persoa?
    A sinceridade e a integridade.
  • Como equilibras a vida pública e a privada?
    A liña entre o persoal e o público é moi fina.É complexo.
  • Usas redes sociais e Whatsapp?
    Teño redes sociais e doulles uso, si. Pero tamén é verdade que cada vez intento abstraerme máis delas.
  • Un desafío pendente.
    Agora mesmo é darlles aos meus fillos unha educación que lles permita ser boas persoas e con capacidade para enfrontarse á vida.
  • Onde te ves en cinco anos?
    En Barreiros, seguro.
0.11846280097961