A Vía Verde do Eo volverá unir A Pontenova, Trabada e San Tirso de Abres a través do deporte

A antiga vía do ferrocarril volverá converterse nun escenario deportivo coa celebración da III Carreira Vía Verde do Eo, unha proba que atravesará os municipios da Pontenova, Trabada e San Tirso de Abres o sábado 19 de setembro. Nesta edición, os participantes afrontarán o percorrido en sentido A Pontenova-San Tirso de Abres, ao contrario que noutras ocasións.
A carreira absoluta arrancará ás 17.30 horas desde a Praza dos Fornos, no centro urbano da Pontenova, e finalizará na zona do heliporto de San Tirso de Abres. O trazado discorrerá durante aproximadamente 12 quilómetros pola antiga Vía Verde do ferrocarril, convertendo este corredor entre Galicia e Asturias no eixo central da competición.
A cita estará aberta tanto a deportistas federados como non federados e contará tamén con carreiras para as categorías inferiores. Neste caso, as probas comezarán ás 17.00 horas nas proximidades da meta, en San Tirso de Abres, con distancias adaptadas ás diferentes idades: 1.540, 770 e 200 metros.
As inscricións xa están abertas a través de Champion Chip Norte e poderán formalizarse ata as 23.59 horas do 17 de setembro. O prezo para as categorías menores será de 2 euros, mentres que na absoluta os primeiros 50 inscritos aboarán 8 euros e, a partir desa cifra, a tarifa será de 10 euros.
A organización tamén habilitará un servizo de autobús para trasladar aos participantes desde San Tirso de Abres ata a liña de saída na Pontenova entre as 16.30 e as 17.15 horas. Ademais, os corredores disporán de bolsa con camiseta, gardarroupa, duchas e vestiarios, avituallamentos e aperitivos ao finalizar a competición.
A vertente competitiva completarase con trofeos para os tres primeiros clasificados absolutos masculinos e femininos, con premios económicos de 100, 50 e 25 euros. Tamén se entregarán medallas aos tres primeiros de cada categoría masculina e feminina, cun acto de premiación previsto arredor das 20.00 horas na zona do heliporto de San Tirso de Abres.
A terceira edición está organizada polos concellos de San Tirso de Abres, Trabada e A Pontenova xunto coa Asociación Cultural e Deportiva As Minas da Pontenova.