A veciñanza do Vicedo denuncia problemas de accesibilidade nunha praza reservada en Xilloi

Veciños e veciñas de O Vicedo manifestaron o seu malestar pola disposición dunha praza de estacionamento reservada para persoas con mobilidade reducida na contorna da praia de Xilloi, ao considerar que a súa configuración actual dificulta o uso para o que foi creada.
Segundo explican, o principal problema radica na colocación da sinal vertical no medio da propia praza, o que imposibilita abrir con normalidade a rampla traseira dos vehículos adaptados, un elemento esencial para que as persoas usuarias poidan acceder ou descender con seguridade.
A situación, aseguran, xa fora trasladada en sesión plenaria polo grupo da oposición do PSOE no 2024, sen que ata o momento se adoptasen medidas para corrixila. De acordo co testemuño dalgúns residentes, a resposta recibida foi que “sempre estivo así”, unha explicación que non convence á veciñanza afectada.
Neste sentido, critican a falta de sensibilidade ante unha cuestión que consideran básica en materia de accesibilidade, ao tempo que reclaman ao goberno local unha revisión da sinalización para garantir que estas prazas cumpran realmente a súa función.
Os afectados insisten en que pequenas modificacións na colocación da sinal poderían resolver o problema, permitindo un uso efectivo do espazo reservado e mellorando a accesibilidade nun punto especialmente concorrido durante a tempada estival.