A veciñanza de Sante estreará un novo espazo social coa inauguración do Teleclub

A parroquia de Sante celebrará este venres, 22 de maio, a inauguración oficial do renovado local do Teleclub, un espazo que foi sometido a unha importante reforma ao longo do primeiro trimestre de 2026 co obxectivo de mellorar as súas prestacións e adaptalo ás necesidades actuais da veciñanza.
As actuacións realizadas supuxeron un investimento superior aos 50.000 euros e puideron executarse grazas a un convenio de colaboración asinado coa Deputación de Lugo. Os traballos permitiron acondicionar e modernizar unhas instalacións que funcionan como punto de encontro social e comunitario para os veciños e veciñas da parroquia.
Desde a Asociación de Veciños de San Xulián de Sante destacan que a finalidade desta intervención foi converter o local nun espazo máis funcional, cómodo e preparado para acoller actividades sociais, reunións e iniciativas promovidas tanto polo movemento asociativo como pola propia cidadanía.
O renovado Teleclub pretende consolidarse como un lugar de convivencia e participación, pensado para favorecer o desenvolvemento de propostas culturais, encontros veciñais e diferentes actividades comunitarias ao longo do ano.
A inauguración terá lugar ás 20.30 horas e estará aberta a socios e veciñanza. Ademais, a celebración contará cun pincho para os asistentes nun acto que busca compartir coa parroquia o resultado das melloras executadas neste emblemático espazo social.