A V Carreira Alfoz-Valadouro reúne centos de participantes nunha xornada de deporte e convivencia

A V Carreira Alfoz-Valadouro celebrouse hoxe cunha ampla participación e nun ambiente marcado polo deporte e a convivencia entre os dous municipios. A proba, organizada conxuntamente polos concellos de Alfoz e O Valadouro, reuniu centos de corredores e afeccionados e contou con diferentes categorías, tanto infantís como absolutas.
O circuíto permitiu aos participantes percorrer o territorio entre as dúas vilas, con saída desde Alfoz e chegada en O Valadouro. A ruta desenvolveuse nunha contorna natural e serviu tamén para poñer en valor a colaboración entre ambos os municipios e a promoción da práctica deportiva como elemento de cohesión social.
Na clasificación masculina, o triunfo foi para Álvaro Pico Fernández, seguido de Óscar Murado Expósito e Toni Cabanela Ramudo, que completaron o podio.
Na categoría feminina, a primeira posición foi para Lucía Abel Paz. O segundo posto correspondeu a Silvia Castelo Bouza, mentres que Patricia Iglesias Gómez ocupou a terceira posición.
A entrega de premios contou coa presenza de Manono Otero, Cadramón, xefe dos Servizos Provinciais de Deportes da Xunta de Galicia; Dani García, deputado provincial de Mocidade; Efigenia Maseda, alcaldesa de Alfoz; José Manuel Lamela, alcalde do Valadouro; Eliseo Lorenzo, concelleiro de Deportes de Alfoz, e Lorena Díaz, concelleira de Cultura do Valadouro.
A alcaldesa de Alfoz, Efigenia Maseda, salientou que "esta carreira é xa unha cita moi especial para os dous concellos", destacando que cada ano consegue reunir persoas de todas as idades arredor do deporte e da convivencia. Maseda asegurou que é "unha satisfacción ver a resposta da veciñanza e o ambiente que se crea en cada edición".
Pola súa banda, o alcalde do Valadouro, José Manuel Lamela, puxo o foco no "traballo conxunto entre os dous concellos para sacar adiante iniciativas que dinamizan o territorio e fomentan a práctica deportiva". Lamela agradeceu tamén "a colaboración de todas as persoas, entidades e voluntariado que contribúen a que a carreira siga medrando edición tras edición".
A quinta edición da carreira contou coa colaboración da Deputación de Lugo e da Xunta de Galicia, así como co apoio de numerosos patrocinadores locais, que contribuíron ao desenvolvemento desta nova edición da proba.