A SD Burela celebra os seus 60 anos cun programa centrado na súa historia

A SD Burela conmemora este mes de outubro o seu 60 aniversario, seis décadas de participación continuada en competicións federadas, cun programa de actividades que contará coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
O vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, o deputado de Mocidade, Daniel García, e o tenente alcalde de Burela, Mario Pillado, mantiveron este mércores unha reunión co presidente da entidade deportiva, Jairo Campo, para coñecer as iniciativas previstas con motivo desta efeméride.
As actividades estarán centradas na traxectoria da SD Burela e no papel que o club desempeñou como referente deportivo, así como na súa dimensión social e na capacidade do proxecto para manterse ao longo de seis décadas.
Durante o encontro, Efrén Castro e Daniel García puxeron en valor o interese da entidade por repasar a súa historia e aproveitar o aniversario para recoñecer o traballo das persoas que contribuíron á continuidade do proxecto deportivo. Ambos destacaron tamén o papel do deporte como elemento xerador de comunidade e sentimento de pertenza.
Entre as propostas previstas para o mes de novembro figura a recuperación de camisolas históricas da SD Burela, unha iniciativa coa que se pretende poñer en valor parte do percorrido do club ao longo destes 60 anos.
O programa conmemorativo incluirá tamén a proxección de dous documentais sobre a traxectoria da entidade, que permitirán repasar a súa historia e a evolución do proxecto deportivo durante estas seis décadas de actividade federada.