A ruta Pena Abaladoira-Fervenza de Escouridal mellorará a súa accesibilidade con preto de 15.000 euros

A actuación permitirá renovar a sinalización, actualizar os paneis informativos e incorporar recursos dixitais para facilitar a visita a este espazo natural de Alfoz
ALFOZ fervenza de escouridal
27 Jun 2026

A ruta Pena Abaladoira-Fervenza de Escouridal, un dos principais itinerarios naturais de Alfoz, será obxecto dunha actuación de mellora grazas a unha subvención de 14.985 euros concedida pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia.

O proxecto inclúe a renovación dos paneis interpretativos existentes, que incorporarán novos contidos sobre a paisaxe, a biodiversidade, a xeomorfoloxía e o patrimonio natural da contorna da Serra do Xistral e da Rede Natura 2000. Ademais, instalarase un novo panel informativo e renovarase a sinalización da ruta con frechas direccionais para facilitar a orientación das persoas visitantes.

As actuacións tamén contemplan a incorporación de recursos dixitais, como códigos QR e contidos multimedia, co obxectivo de ampliar a información dispoñible sobre este espazo natural e mellorar a experiencia durante o percorrido.

Segundo informou o Concello, a intervención busca facer máis accesible e comprensible o itinerario, ao tempo que contribúe á conservación e divulgación dos seus valores ambientais.

A subvención está financiada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e a Xunta de Galicia, no marco do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027.

0.11930012702942