A ría de Ribadeo será escenario da terceira cita da Copa Deputación de Piragüismo

A ría de Ribadeo converterase este domingo, 14 de xuño, no epicentro do piragüismo provincial coa celebración da terceira regata da Copa Deputación, unha competición patrocinada pola Vicepresidencia da Deputación e que reunirá a un total de 137 palistas.
A proba estará organizada polo Club Piragüismo Altruán e contará coa participación dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que forman parte do circuíto provincial. Ademais da entidade anfitrioa, tomarán parte o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo.
A presentación do evento tivo lugar en Ribadeo coa presenza do deputado de Mocidade, Daniel García, quen destacou unha competición que volverá reunir a deportistas de diferentes categorías nun dos escenarios habituais do piragüismo lucense.
A xornada deportiva dará comezo ás 15.30 horas coas saídas das categorías prebenxamín e benxamín. Posteriormente, e de maneira progresiva, desenvolveranse as mangas correspondentes ás categorías infantil, alevín, cadete e xuvenil, completando unha tarde de competición nas augas da ría ribadense.