A renovación da cuberta da igrexa de San Xurxo de Lourenzá encara a súa recta final

AMariñaXa
A intervención permitirá solucionar os problemas de filtracións e inclúe a colocación dun novo tellado de lousa sobre unha superficie duns 400 metros cadrados
igrexa-de-San-Xurxo-de-Lourenzá
11 Sep 2026

As obras de renovación da cuberta da igrexa de San Xurxo de Lourenzá, situada no lugar da Franca, están próximas a finalizar. A actuación conta cun investimento de 122.500 euros do Goberno autonómico e ten como principal obxectivo poñer fin aos problemas de filtración de humidades que afectaban ao interior do templo.

O proxecto foi promovido pola Diocese de Mondoñedo-Ferrol e está financiado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través do convenio mixto entre o Goberno autonómico e as dioceses galegas para favorecer a conservación do patrimonio.

A intervención céntrase na cuberta do bloque principal do edificio, coa excepción do pórtico de entrada, que xa fora acondicionado anteriormente. Como parte dos traballos analizouse o estado das pezas estruturais e renováronse aqueles elementos de madeira que o precisaban.

Unha das principais actuacións foi a instalación dun novo tellado de lousa, que abrangue arredor de 400 metros cadrados. A renovación permitirá mellorar a protección do inmoble fronte á auga e evitar que as filtracións continúen provocando problemas no interior.

A igrexa parroquial de San Xurxo constitúe un elemento de interese do patrimonio cultural galego e atópase integrada no ámbito do Camiño do Norte. O templo foi construído no século XVIII sobre un antigo castro e consta dunha nave con dúas capelas laterais, engadidas a comezos do século XX, ademais do pórtico frontal.

No interior conserva diferentes elementos de interese artístico. Entre eles destaca o retablo maior, do século XIX e de estilo neoclásico, ademais doutro lateral barroco e dun terceiro de carácter popular no que se combinan elementos de distintas épocas.

0.35204195976257