A primeira edición da Ruta de Sendeirismo Voltiña a Sante reúne a máis de 100 participantes

AMariñaXa
A actividade reuniu a máis de 104 participantes na andaina e case 160 persoas na gran paellada que se celebrou posteriormente
Voltiña-a-Sante-trabada
3 Sep 2024

O Concello de Trabada acolleu con grande éxito a primeira edición da Ruta de Sendeirismo Voltiña a Sante, un evento organizado pola Asociación de Veciños de Sante e a Asociación de Sendeirismo Trabada Paso a Paso, coa colaboración do propio Concello. A actividade reuniu a máis de 104 participantes na andaina e case 160 persoas na gran paellada que se celebrou posteriormente.

O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou o éxito da iniciativa, afirmando que a resposta tanto da veciñanza como dos visitantes de concellos próximos foi moi positiva. "A excelente acollida desta primeira edición permitirá que a iniciativa continúe nos anos seguintes", subliñou García.

O rexedor tamén aproveitou para expresar o compromiso do Concello co apoio a estas e outras asociacións locais, resaltando a importancia de eventos como este para promocionar os atractivos naturais de Trabada e diversificar as actividades dispoñibles na vila. "Dende o Concello de Trabada imos apoiar sempre a estas entidades e ás demais asociacións do municipio para realizar este tipo de actividades", engadiu García. Este evento non só promoveu o sendeirismo e a convivencia entre os veciños, senón que tamén serviu para poñer en valor o patrimonio natural da zona, contribuíndo ao dinamismo social e á promoción turística de Trabada.

0.17285013198853