A praia das Catedrais pechará o 12 de agosto para seguir o eclipse solar con garantías de seguridade

AMariñaXa
O acceso ao areal permanecerá restrinxido e a observación trasladarase ao aparcadoiro, onde se instalará unha pantalla xigante coa explicación do astrónomo José Ángel Docobo
praia-catedrais-turistas
1 Jul 2026

A praia das Catedrais permanecerá pechada ao público o vindeiro 12 de agosto, coincidindo coa celebración do eclipse solar, co obxectivo de garantir a seguridade das persoas que se acheguen a Ribadeo para presenciar este fenómeno astronómico. A medida estenderase tamén ata as 7.30 horas do día 13 de agosto, período no que tampouco será posible solicitar pases de acceso ao areal.

A decisión foi abordada nunha reunión de coordinación entre o Concello de Ribadeo e a Consellería de Medio Ambiente, na que se definiron as actuacións previstas para unha xornada na que se agarda unha importante afluencia de visitantes.

O alcalde, Dani Vega, explicou que a observación do eclipse realizarase desde o aparcadoiro público das Catedrais, onde se instalará unha pantalla xigante que permitirá seguir en directo as explicacións do catedrático de Astronomía da Universidade de Santiago de Compostela e director do Observatorio Ramón María Aller, José Ángel Docobo. A intervención terá tamén un carácter divulgativo e incluirá información sobre o fenómeno das Perseidas.

Segundo indicou o rexedor, Ribadeo converterase nun dos mellores lugares da Península para contemplar o eclipse, xa que nas Catedrais poderá observarse durante aproximadamente un minuto e corenta e cinco segundos, o maior tempo previsto entre os concellos galegos.

Vega destacou que o Concello está afeito a xestionar grandes fluxos de visitantes nas Catedrais, pero considerou imprescindible adoptar medidas especiais para esta ocasión. Tamén agradeceu a colaboración da Xunta, dos servizos técnicos municipais e da Policía Local, resaltando o traballo coordinado entre administracións para garantir o correcto desenvolvemento do dispositivo.

O alcalde considera que este acontecemento representa unha oportunidade para situar Ribadeo como un referente na observación deste fenómeno astronómico, combinando divulgación científica, organización e seguridade.

0.12115383148193