A Pontenova retomará as obras do Centro de Atención a Maiores tras quedar paralizadas ao 70 %

As obras do Centro de Atención a Maiores da Pontenova retomaranse proximamente despois de permanecer paralizadas pola entrada en concurso de acredores da empresa que resultara inicialmente adxudicataria. O edificio quedou executado aproximadamente nun 70% e os traballos necesarios para completar as instalacións están valorados en 2.050.829 euros.
A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, comprobou este mércores o estado do proxecto durante unha visita ao municipio xunto ao alcalde, Darío Campos. A institución provincial encargara previamente un estudo técnico e económico para determinar as actuacións que quedaban por executar e o seu custo.
Tras este proceso, en xullo déronse os pasos administrativos para desbloquear o proxecto e encomendar a continuación das obras á empresa pública Tragsa. Paralelamente, a Deputación iniciou o procedemento para reclamar danos e prexuízos á primeira adxudicataria.
"Ante un problema sobrevido, o que fixemos foi buscar unha solución para que un proxecto fundamental para A Pontenova non quedase parado", explicou López, quen defendeu a necesidade de garantir servizos públicos de atención ás persoas tamén nos municipios rurais.

Unhas 30 prazas para que os maiores permanezan na súa contorna
Unha vez rematado, o novo Centro de Atención a Maiores contará con arredor de 30 prazas residenciais e incorporarase á rede asistencial da Deputación, que actualmente mantén nove centros en funcionamento e outros en diferentes fases de proxecto ou execución.
Desde a institución provincial defenderon este modelo como unha fórmula para facilitar que as persoas maiores poidan continuar na súa contorna durante esta etapa da vida. A Deputación incidiu ademais na escaseza de prazas públicas dependentes do Goberno autonómico, administración competente nesta materia.
A colaboración provincial en materia social esténdese tamén ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF). No caso da Pontenova, a Deputación destina a esta prestación unha achega anual de 40.000 euros.
O centro asistencial foi un dos principais puntos dunha visita na que López e Campos repasaron investimentos provinciais que, no seu conxunto, superan os 2,7 millóns de euros e abranguen tamén estradas, mobilidade, servizos e actuacións de carácter turístico.
Preto de 275.000 euros para a estrada entre Vilargondurfe e Folgueirúa
En materia viaria, a presidenta coñeceu as actuacións previstas na LU-P-4806, estrada provincial que comunica Vilaxe, desde a N-640, con Ribeira de Piquín a través de Galegos. A próxima intervención permitirá renovar máis de cinco quilómetros de firme entre Vilargondurfe, na Pontenova, e Folgueirúa, en Riotorto. Os traballos xa están contratados por 274.996,70 euros.
"Para unha Deputación que xestiona máis de 4.000 quilómetros de estradas provinciais, conservar a rede viaria é unha prioridade permanente, non unha actuación puntual", afirmou López.
A visita continuou polos camiños e a senda peonil entre Boulloso e Herbelle, que serán mellorados con cargo ao Plan Deputación 2026. A administración provincial achegará 200.288,43 euros, o 95% do custo da intervención.
A institución lembrou tamén o investimento de 300.000 euros realizado na tirolina do complexo mineiro Consuelo-Boulloso, un recurso co que se busca aproveitar o potencial da zona para combinar patrimonio industrial, ocio e turismo.
Outra das actuacións analizadas foi a prevista en Conforto, onde Deputación e Concello impulsan un proxecto de 239.523,96 euros para mellorar a mobilidade. A obra, actualmente en fase de contratación, desenvolverase nunha estrada municipal que enlaza a LU-P-4809 coa ermida de San Antonio e que dá acceso tanto a vivendas como a un establecemento hostaleiro.
Darío Campos: "Hoxe é un día de alegría para A Pontenova"
A xornada incluíu tamén unha recepción institucional na Casa do Concello, onde Carmela López asinou no libro de ouro municipal e recibiu como agasallo un libro sobre a historia do ferrocarril e unha miniatura dos fornos da Pontenova.
A presidenta provincial asegurou que o obxectivo da Deputación é "estar ao lado dos concellos, escoitar as súas necesidades e poñer os recursos da Deputación ao servizo das persoas", especialmente no rural, onde considerou fundamental garantir tanto os servizos como unhas boas comunicacións.
Pola súa banda, Darío Campos destacou a importancia que ten para o municipio a cooperación coa institución provincial. "Neste momento, dependemos en boa medida da colaboración da Deputación para seguir mellorando os servizos que prestamos á veciñanza", afirmou o alcalde, que puxo especialmente en valor o Plan Deputación e o seu sistema de distribución de fondos entre os municipios.
"Hoxe é un día de alegría para A Pontenova. Queremos desfrutar desta visita, poñer en valor a colaboración institucional da Deputación e agradecer todo o que a Deputación está facendo polo noso concello", concluíu o rexedor.