A Pontenova recibe 250.000 euros para mellorar a escola de Vilaodriz, camiños e o depósito de Vileimil

AMariñaXa
O convenio permitirá actuar no local social de Vilaodriz, acondicionar dous camiños en Cova e Peizais e impermeabilizar o depósito de auga de Vileimil, ademais de financiar outros investimentos municipais
pilar-garcia-porto-deputada-alcaldesa-antas
18 Sep 2026

A Deputación de Lugo destinará 250.000 euros á Pontenova para executar diferentes actuacións de mellora nas infraestruturas e nos servizos públicos municipais. A xunta de goberno provincial aprobou o convenio de colaboración co Concello na súa reunión semanal, segundo informou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto.

Unha das principais intervencións será a reforma e acondicionamento da antiga escola unitaria de Vilaodriz, actualmente utilizada como local social. Para estes traballos reservaranse 100.000 euros, converténdose na partida máis importante das incluídas no acordo.

O convenio permitirá tamén destinar máis de 65.000 euros á mellora de dous camiños municipais situados en Cova e Peizais. A estas actuacións sumarase a impermeabilización do depósito de auga potable de Vileimil, cun investimento superior aos 27.000 euros.

A achega provincial cubrirá igualmente outras necesidades do municipio. Entre elas figura a adquisición dunha furgoneta eléctrica para as brigadas municipais, así como a subministración de formigón destinado a traballos de conservación da rede viaria local. Parte dos fondos servirán tamén para sufragar a pirotecnia das festas patronais de outubro, A Queima dos Fornos.

"Este é un exemplo moi claro de como entendemos nós a cooperación cos concellos: poñer recursos da Deputación á disposición dos municipios para que poidan atender as necesidades concretas da veciñanza", destacou García Porto.

Actuacións viarias en Mondoñedo e Ourol

A reunión da xunta de goberno serviu tamén para avanzar en novos investimentos na rede provincial de estradas. En Mondoñedo, adxudicáronse por 220.643 euros as obras de rehabilitación do firme en dous treitos, cun prazo de execución de catro meses.

Unha das intervencións desenvolverase na LU-P-3103, que comunica Lindín con Santa María Maior, entre os puntos quilométricos 6,1 e 7. A segunda afectará á LU-P-3106, entre Os Remedios, Estelo e Romariz, concretamente entre os quilómetros 1,7 e 3, nun tramo de 1,26 quilómetros.

En Ourol, a empresa OVISA Pavimentos y Obras SLU acometerá por 233.796 euros a rehabilitación da LU-P-3801, vía que conecta a capitalidade municipal con lugares como O Carme e As Lobeiras.

Neste caso, actuarase sobre 3,12 quilómetros distribuídos en tres treitos: desde o inicio da estrada ata o punto quilométrico 1,9; outros 850 metros á altura do quilómetro 3; e 420 metros na contorna do 4,400. Os traballos contemplan a apertura de cunetas, a renovación do pavimento con aglomerado en quente e a reposición da sinalización horizontal.

Estas intervencións forman parte dun paquete máis amplo co que a institución provincial prevé destinar máis de 836.000 euros á mellora de máis de 16 quilómetros de estradas en catro concellos.

García Porto defendeu a conservación da rede viaria como unha das prioridades da Deputación debido á extensión das estradas provinciais e á dispersión territorial de Lugo. Segundo sinalou, manter unhas boas comunicacións resulta fundamental para facilitar os desprazamentos da veciñanza, garantir o acceso aos servizos e favorecer a actividade económica no rural.

0.15573906898499