A Pontenova recibe 250.000 euros da Deputación para mellorar infraestruturas e servizos

A Deputación de Lugo destinará 250.000 euros á Pontenova para financiar diferentes actuacións en infraestruturas e servizos municipais. A presidenta da institución provincial, Carmela López, e o alcalde, Darío Campos, asinaron este martes o convenio que permitirá executar as intervencións, despois de que o acordo recibise a aprobación da Xunta de Goberno provincial a pasada semana.
A partida máis importante, 100.000 euros, irá destinada á reforma e acondicionamento da antiga escola unitaria de Vilaodriz, un inmoble que na actualidade funciona como local social. O obxectivo é mellorar unhas instalacións que prestan servizo á veciñanza desta zona rural do municipio.
Outros máis de 65.000 euros empregaranse na mellora de dous camiños de titularidade municipal situados en Cova e Peizais.
O convenio abrangue ademais outras intervencións, entre elas a impermeabilización do depósito de auga potable de Vileimil e a adquisición dunha furgoneta eléctrica destinada ás brigadas municipais. A achega provincial permitirá tamén sufragar a subministración de formigón para diferentes traballos de conservación da rede viaria.
Dentro dos 250.000 euros inclúese igualmente financiamento para a pirotecnia das festas patronais de outubro, A Queima dos Fornos, unha das celebracións máis destacadas do calendario festivo da Pontenova.
Durante a sinatura, Carmela López defendeu este acordo como unha mostra do modelo de colaboración da Deputación cos municipios. "Este é un exemplo moi claro de como entendemos nós a cooperación cos concellos: poñer recursos da Deputación á disposición dos municipios para que poidan atender as necesidades da veciñanza", afirmou.
A presidenta provincial asegurou ademais que a institución estudará as iniciativas trasladadas polos gobernos locais. "Se unha alcaldesa ou un alcalde presenta unha proposta boa para o seu concello, imos escoitala e estudala", sinalou.
Pola súa banda, Darío Campos agradeceu o apoio económico da Deputación e puxo o foco na importancia deste tipo de colaboración para os municipios de menor tamaño. "A Deputación de Lugo é a administración que máis nos axuda; se non, os concellos pequenos estariamos a cero de investimento", asegurou.
O alcalde destacou especialmente a actuación prevista na antiga escola de Vilaodriz. Campos recoñeceu que a súa rehabilitación "require un investimento moi grande nun lugar no que hai apenas 100 habitantes", pero defendeu a necesidade de acometer este tipo de proxectos para manter poboación e garantir a calidade de vida no rural.