A Pontenova convértese nunha aula ao aire libre para formar aos futuros profesionais da gandaría

A Pontenova sitúase no centro da formación gandeira en Galicia coa celebración de varias das sesións prácticas da primeira edición da Escola de Pastores, unha iniciativa impulsada pola Xunta para favorecer a incorporación de novos profesionais ao sector primario e garantir o relevo xeracional nas explotacións de ovino e caprino.
A Gandaría Salvaterra, situada no municipio pontenovés, é unha das explotacións colaboradoras do programa e acolle parte da aprendizaxe práctica do alumnado, permitindo que os participantes coñezan de primeira man o traballo diario dunha explotación gandeira e as técnicas máis innovadoras aplicadas ao sector.
Ata estas instalacións desprazouse a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, e polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares. Durante a visita puxo en valor a excelente acollida desta primeira edición da Escola de Pastores, na que participan 25 alumnos e alumnas seleccionados entre as 44 solicitudes presentadas, unha cifra que, ao seu xuízo, evidencia o crecente interese por acceder a unha formación especializada e estreitamente ligada á realidade das explotacións.
A Escola de Pastores combina 250 horas de formación teórica co Curso de Aptitude Empresarial Agraria especializado en ovino e caprino, que permite obter unha titulación oficial para exercer a actividade agraria e acceder ás axudas de incorporación ao sector. A esta preparación súmanse 320 horas de prácticas en explotacións colaboradoras como a de A Pontenova, onde o alumnado pode aplicar os coñecementos adquiridos en contacto directo cos profesionais.
Precisamente, unha das xornadas desenvolvidas na explotación pontenovesa estivo centrada no manexo de gando cabrún mediante sistemas de valado virtual, unha ferramenta tecnolóxica que permite controlar as zonas de pastoreo sen necesidade de instalar peches físicos, mellorando a eficiencia e a xestión das explotacións. O calendario formativo continuará o próximo 31 de xullo cunha sesión dedicada ao manexo de gando con cans de pastoreo, unha técnica tradicional que continúa sendo fundamental na gandaría extensiva.
A conselleira destacou que a aprendizaxe práctica constitúe un dos grandes valores da Escola de Pastores, xa que permite que o alumnado aprenda directamente da experiencia de gandeiros e especialistas en activo. Nesta liña, subliñou tamén o labor do equipo docente, integrado por profesionais con ampla traxectoria, que achegan unha formación adaptada ás necesidades actuais do sector.
María José Gómez incidiu en que esta iniciativa representa a unión entre formación, investigación e transferencia de coñecemento, transformando a experiencia acumulada nas explotacións en oportunidades para as novas xeracións. Ademais, reafirmou o compromiso da Xunta por continuar impulsando proxectos que contribúan a facer da gandaría galega unha actividade cada vez máis profesional, competitiva, innovadora e sustentable, ao tempo que municipios como A Pontenova gañan protagonismo como escenarios de referencia para a formación do futuro do rural.