A mostra 'Cegasal, unha asociación de persoas para as persoas' chega ao Cenima de Foz

Foz
AMariñaXa
A mostra Cegasal, unha asociación de persoas para as persoas poderase visitar en Foz, no Cenima, grazas á Deputación
Mostra Cegadal Foz
Mostra Cegadal Foz
8 sep 2022

O deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, o alcalde de Foz, Francisco Cajoto, e o presidente da Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro (Cegasal), José Antonio Vázquez Freire, inauguraron no Centro de Interpretación da Mariña (Cenima) a mostra  itinerante Cegasal, unha asociación de persoas para as persoas, centrada na inserción laboral das persoas con discapacidade. Esta exposición, impulsada pola institución provincial en colaboración con Cegasal, conta con 24 imaxes realizadas polo fotógrafo coruñés Diego Silva.

Roberto García Pernas destacou no acto a importancia de apoiar iniciativas dende a institución provincial que permitan “dar visibilidade e poñer en valor o traballo que levan a cabo as persoas con discapacidade nas empresas, pero tamén o papel das propias empresas, un aspecto moi importante para lograr a súa inclusión plena, en igualdade de condicións, a nivel social e laboral”.

“Esta colaboración forma parte da nosa aposta polas políticas sociais, que son xa unha sinal de identidade da Deputación de Lugo. O noso compromiso neste sentido, moitas veces suplindo as responsabilidades doutras administracións, visualízase ben nas cifras dos Orzamentos, dos que dedicamos máis dun terzo, 34M€, a este tipo de accións”, valorou o Deputado.

A exposición permanecerá aberta en Foz ata o 15 de setembro, logo de pasar polos concellos de Monforte de Lemos, Vilalba, Viveiro e A Fonsagrada. O Cenima é a penúltima parada da mostra, que rematará a súa itinerancia pola provincia a finais de setembro no Pazo de San Marcos, cando tamén se organizará unha xornada de formación sobre os Centros Especiais de Emprego que será aberta á cidadanía.

García Pernas animou á veciñanza a visitar esta exposición, que demostra que “estes traballadores e traballadoras son un exemplo claro de que é posible promover unha cultura empresarial que entenda a diversidade como un activo xerador de valor social e económico”. Agradeceulle, así mesmo, ao Concello a súa colaboración e dispoñibilidade para acollela e felicitou a Cegasal polo traballo “fundamental que desenvolve par aa inserción laboral das persoas con capacidades diferentes”.

CEGASAL. Cegasal é unha organización que se constituíu en Galicia en 1997 co obxectivo de fomentar o emprego de calidade para as persoas con discapacidade e risco de exclusión social. Actualmente, Cegasal conta con 35 centros especiais de emprego asociados, isto é, empresas de titularidade privada nas que polo menos o 70% do cadro de persoal está conformado por traballadores e traballadoras con discapacidade. No seu conxunto facturan uns 44M€ anuais.

Na provincia de Lugo, Cegasal conta con dous centros especiais de emprego, Grafinco e Produtores de Carne da Ribeira Sacra, que dan emprego a preto dunha vintena de persoas con capacidades diferentes.

0.19520282745361