A mocidade de Burela pecha o curso reforzando a identidade do seu grupo de participación

AMariñaXa
O GPA celebrou a súa última xuntanza na Casa da Xuventude e prepara novas actividades para o verán
BURELA xuntanza gpa
28 Jun 2026

O Grupo de Participación Adolescente de Burela celebrou este xoves na Casa da Xuventude a súa última xuntanza do curso, unha sesión na que as persoas participantes seguiron avanzando na consolidación do colectivo como espazo de encontro, proposta e implicación da mocidade.

Durante a reunión, o grupo continuou traballando no fortalecemento da súa identidade e no deseño dunhas prendas que empregarán como distintivo nas actividades que desenvolvan. A iniciativa busca reforzar o sentimento de pertenza e visibilizar o papel activo da rapazada na vida social do municipio.

Como recoñecemento á súa participación no proxecto Xeración Peixe nos últimos meses, as persoas integrantes do GPA gozarán tamén dunha actividade co Club de Surf.

O tenente de alcaldesa, Mario Pillado, destacou que o GPA se está consolidando como un espazo de participación activa para a mocidade, no que as rapazas e rapaces propoñen actividades e constrúen unha identidade propia como grupo. Tamén sinalou que o Concello segue a preparar unha programación de verán atractiva e adaptada aos intereses da xente nova.

Por outra banda, a Aula de Xogos da Casa da Xuventude permanecerá pechada entre o 29 de xuño e o 15 de xullo por descanso do persoal.

0.12140107154846