A Mariña valora o impacto económico do turismo pero reclama melloras en infraestruturas e servizos

AMariñaXa
Unha enquisa impulsada pola Mancomunidade revela que a maioría da poboación considera positivos os efectos do turismo, aínda que advirte de problemas como a masificación, a presión sobre a vivenda e a saturación de recursos
turismo-mariña-lucense-vista-mar
21 May 2026

A implicación da cidadanía segue a consolidarse como unha peza fundamental no desenvolvemento dun modelo turístico máis equilibrado e sostible na comarca da Mariña. Con este obxectivo, a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense puxo en marcha un espazo participativo dentro da campaña de comunicación interna “A Mariña Latexa Contigo”, integrada no Plan de Sostibilidade Turística do territorio.

A iniciativa permitiu recoller opinións tanto da veciñanza como de persoas vinculadas ao sector turístico co propósito de coñecer a percepción social sobre a evolución do turismo na comarca e os retos de futuro. Os resultados da enquisa, que poden consultarse de maneira aberta na páxina web da entidade, amosan unha valoración maioritariamente positiva do impacto turístico.

Case a metade das persoas participantes sinalan os beneficios económicos como a principal contribución do turismo á Mariña. A creación de emprego, o aumento da actividade comercial e o impulso para sectores como a hostalaría e a gastronomía aparecen entre os aspectos máis destacados pola cidadanía.

Os participantes tamén subliñan o valor social e cultural da actividade turística. Segundo recolle o estudo, moitas persoas consideran que o turismo contribúe a dinamizar as vilas e parroquias, favorece a difusión cultural e reforza o sentimento de orgullo polo territorio. Ademais, apuntan que pode servir para atraer visitantes cara ao interior da comarca e mesmo axudar a fixar poboación.

Entre outros efectos positivos mencionados na enquisa tamén destacan a promoción da Mariña e dos seus produtos máis aló do ámbito galego, a mellora de infraestruturas e servizos e a posta en valor do patrimonio natural e cultural.

Os datos reflicten igualmente que un 53 % das persoas consultadas considera que os efectos beneficiosos do turismo están por riba dos negativos. Fronte a esta postura, un 26 % discrepa desa visión, mentres que un 21 % mantense neutral.

A enquisa tamén serviu para identificar as principais preocupacións da poboación respecto ao crecemento turístico. O problema máis repetido foi a insuficiencia de infraestruturas e servizos públicos para asumir a elevada afluencia de visitantes, cuestión sinalada polo 35 % dos participantes.

Entre as dificultades mencionadas aparecen o colapso de estradas e aparcadoiros, os problemas relacionados co abastecemento de auga e o tratamento das augas residuais, así como a saturación das praias, a acumulación de residuos ou determinadas actitudes de falta de respecto cara ao territorio.

A masificación vinculada á estacionalidade foi outro dos asuntos destacados, mencionado por un 25 % das persoas participantes. Ademais, un 14 % puxo o foco nas consecuencias sobre a vivenda, especialmente pola escaseza de alugueiros dispoñibles durante todo o ano e polo incremento dos prezos. Tamén aparecen preocupacións relacionadas coa degradación ambiental e co impacto paisaxístico.

De cara ao futuro, a principal demanda da cidadanía pasa por mellorar e ampliar as infraestruturas, os servizos públicos e os transportes, unha cuestión que concentrou o 29 % das respostas. A continuación sitúase a necesidade de avanzar cara a un turismo máis sostible, desestacionalizado e respectuoso co territorio, obxectivo mencionado polo 21 % dos participantes.

Na enquisa participaron un total de 102 persoas, das cales a maioría non traballan directamente no sector turístico. Recolléronse achegas de practicamente todos os concellos da Mariña, con maior participación de Foz, Viveiro, Alfoz, Mondoñedo e Burela. A maior parte das respostas corresponde a persoas de entre 26 e 65 anos.

A Mancomunidade sinala que este espazo de participación cidadá continúa aberto para seguir recompilando opinións e propostas arredor do modelo turístico da comarca.

0.11538791656494