A Mariña prepárase para vivir o 8º Rallye da Mariña Lucense con cinco concellos como escenario

AMariñaXa
A proba, que se disputará do 8 ao 10 de maio, será puntuable para o Campionato Xunta de Galicia de Rallyes
rallye-mariña-2026
28 Apr 2026

A comarca da Mariña Lucense converterase nun gran circuíto automobilístico coa celebración do 8º Rallye da Mariña, unha cita que terá lugar os días 8, 9 e 10 de maio de 2026 e que forma parte do Campionato Xunta de Galicia de Rallyes – Recalvi como terceira proba puntuable da tempada.

A competición, organizada pola Escudería Mix Rallye Sports, percorrerá distintos puntos do litoral e interior mariñán, atravesando os concellos de Viveiro, Xove, Cervo, O Vicedo e Burela. En total, os participantes afrontarán un trazado de 365,41 quilómetros, dos cales máis de 105 estarán cronometrados e distribuídos en nove treitos sobre estradas asfaltadas que permanecerán pechadas ao tráfico durante o desenvolvemento da proba.

O rallye estrutúrase en dúas etapas e catro seccións, cun completo dispositivo organizativo que inclúe controis horarios, reagrupamentos e itinerarios detallados tanto no libro de ruta como no carné de control. Ademais, habilitaranse tres parques de traballo para facilitar as tarefas dos equipos ao longo da competición.

En canto aos premios, a organización establece unha dotación económica total de 7.900 euros. Na clasificación xeral scratch, os seis primeiros equipos —formados por piloto e copiloto— recibirán premios en metálico e trofeos, cunha contía máxima de 1.500 euros para os gañadores. Tamén se recoñecerá aos mellores clasificados de cada unha das sete agrupacións establecidas, con premios específicos para os tres primeiros postos.

A cita promete reunir a numerosos equipos e afeccionados ao motor, consolidándose como un dos eventos deportivos máis destacados do calendario galego e un importante revulsivo para a actividade social e económica da comarca durante esa fin de semana.

0.11548805236816