A Mariña COGAMI renovará a calefacción do seu centro de Xove con enerxías renovables

AMariñaXa
A actuación beneficiará a 139 persoas e permitirá reducir o consumo enerxético e as emisións contaminantes mediante a instalación de aerotermia e paneis fotovoltaicos
A-Mariña-COGAMI
15 Oct 2026

O centro de atención diúrna de A Mariña COGAMI, situado en Palmeiro, no concello de Xove, substituirá o actual sistema de calefacción e produción de auga quente sanitaria con gasóleo por unha solución baseada en enerxías renovables. A intervención beneficiará a 139 persoas socias da entidade e ás persoas usuarias dos servizos e actividades que se desenvolven nestas instalacións para persoas con discapacidade.

O proxecto, denominado "Enerxía renovable para un calor responsable (A Mariña)", ten como obxectivo mellorar a eficiencia enerxética do edificio e reducir a súa dependencia dos combustibles fósiles. Para iso, contempla a instalación dun sistema de aerotermia de alta eficiencia e paneis fotovoltaicos destinados ao autoconsumo.

A combinación destas tecnoloxías permitirá diminuír o consumo enerxético do centro e as emisións contaminantes asociadas ao seu funcionamento, avanzando cara a un modelo de xestión máis sostible.

A actuación está financiada con cargo aos fondos do 0,7 % do IRPF destinados a fins sociais, a través dunha convocatoria de subvencións da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia para programas de interese xeral de carácter social.

A execución dos traballos está prevista para este mes de outubro, unha vez completados os trámites previos necesarios para a súa posta en marcha. A mellora permitirá avanzar na modernización enerxética dunhas instalacións que prestan atención a persoas con discapacidade física e orgánica da comarca.

0.16080093383789