A Gladiator Kids regresa a Ribadeo cunha carreira infantil solidaria a favor da Cruz Vermella

AMariñaXa
A proba celebrarase este domingo 25 de outubro na Praza de España, con obstáculos para nenos e nenas de 3 a 12 anos e inscricións abertas ata mañá
presentacion-Gladiator-Kids-Ribadeo-26
21 Oct 2026

Ribadeo acollerá este domingo, 25 de outubro, unha nova edición da Gladiator Kids, unha carreira de obstáculos dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos que combina deporte, diversión e solidariedade. O importe recadado coas inscricións doarase integramente á Cruz Vermella de Ribadeo.

A actividade desenvolverase na Praza de España a partir das 12:00 horas e contará con diferentes obstáculos que os pequenos deberán superar acompañados sempre por unha persoa adulta. Ao rematar o percorrido, todos os participantes recibirán unha medalla finisher como recoñecemento á súa participación.

As inscricións continúan abertas ata mañá e teñen un custo de 6,20 euros. As persoas interesadas poden formalizalas a través da web oficial da carreira, www.gladiatorraceoficial.com.

A xornada está patrocinada por Mediolanum Aproxima, o proxecto solidario de Banco Mediolanum, pola Fundación Mediolanum en España e polo Concello de Ribadeo. A iniciativa busca ofrecer unha experiencia deportiva e de lecer en familia, ao tempo que contribúe a financiar o labor que desenvolve Cruz Vermella na localidade.

O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, animou as familias de Ribadeo e da contorna a participar na proba e destacou o seu carácter solidario. Segundo sinalou, unha maior participación permitirá incrementar os fondos destinados á entidade.

Na presentación da Gladiator Kids participaron o alcalde de Ribadeo, Dani Vega; o concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent; Rubén Castro, supervisor en Banco Mediolanum; Óscar Espiñeira, xerente de Nokao, e Antía Fernández, responsable de Cruz Vermella en Ribadeo.

0.14815092086792