A Gastropraza acolle sete actividades no verán para poñer en valor o produto galego e a tradición culinaria

AMariñaXa
Entre xuño e agosto acollerá obradoiros, sesións divulgativas e encontros arredor do café, o pan, o peixe e carnes autóctonas
Gastropraza-Ribadeo
26 Jun 2026

A Gastropraza continúa coa súa programación de actividades centradas no coñecemento do produto, da tradición culinaria e dos procesos de elaboración que forman parte da identidade gastronómica galega.

Entre finais de xuño e o mes de agosto, este espazo acollerá un total de sete citas temáticas arredor de produtos como o café, o pan, os peixes de temporada e carnes emblemáticas como o porco celta, a tenreira galega ou o poldro de Pura Raza Galega, nun calendario que aposta pola divulgación gastronómica e o produto de proximidade.

A primeira das actividades terá lugar este sábado, día 27, cunha sesión dedicada ao café da man de Coffee Urban Roasters, profesionais do café de especialidade procedentes de Viveiro.

Xa no mes de xullo, o día 4 celebrarase un obradoiro centrado na elaboración de masas de pan, unha proposta orientada a achegar ao público as técnicas, coñecementos e fundamentos básicos dun dos alimentos esenciais da cultura gastronómica galega.

A programación continuará o 18 de xullo cun encontro co especialista gastronómico Xulio Mato, colaborador do programa da TVG A voltas co prato. Posteriormente, o 29 de xullo terá lugar unha sesión dedicada aos peixes de temporada, co obxectivo de poñer en valor o produto do mar e a súa relevancia na cociña galega.

Xa no mes de agosto desenvolveranse tres novas citas: o día 5 unha xornada arredor do porco celta, o 19 unha sesión dedicada á tenreira galega e o 26 unha actividade centrada na carne de poldro de Pura Raza Galega, coa que se pecha este programa estival.

Con este calendario, A Gastropraza reforza a súa aposta pola divulgación gastronómica, a promoción do produto local e a conexión entre tradición e cociña contemporánea.

0.11301708221436