A Festa do Percebe de Xove reivindica a excelencia do marisco galego na súa décimo terceira edición

A XIII Festa do Percebe de Xove reuniu este sábado a centos de persoas nunha cita gastronómica que volveu poñer en valor un dos produtos máis emblemáticos do litoral galego. A encargada de pronunciar o pregón foi a conselleira do Mar, Marta Villaverde, quen destacou a calidade do marisco galego e, en especial, a excelencia do percebe extraído na costa lucense.
Durante a súa intervención, Villaverde definiu a franxa costeira cantábrica de Lugo como un "tesouro agochado" pola riqueza dos seus recursos mariños e subliñou que a orografía da zona, marcada polos seus cantís, crea un hábitat idóneo para o desenvolvemento dun percebe de gran calidade, recoñecido pola súa frescura e intenso sabor a mar.
A conselleira tamén puxo en valor o traballo dos percebeiros de Xove, asegurando que este marisco representa a esencia mariñeira da localidade e reflicte o esforzo e a fortaleza dun oficio estreitamente ligado ao mar.
A celebración, apoiada pola Consellería do Mar, serviu tamén para render homenaxe aos profesionais do sector e para achegar este produto á cidadanía. Ao longo da xornada repartíronse máis de 1.500 racións de percebe procedente das lonxas da zona.
Desde a Xunta destacan que este tipo de festas gastronómicas contribúen a promocionar os produtos do mar de Galicia, impulsar a Economía Azul e dar visibilidade ao labor dos profesionais do marisqueo e da pesca.