A Feira do Bonito e Produart volverán converter Burela no epicentro gastronómico da Mariña

GaliciaXa | AMariñaXa
A cita, declarada Festa de Interese Turístico Nacional, celebrará a súa corenta edición cun amplo programa de degustacións, actividades culturais, música e promoción do produto local
2026-Presentación-Feira-do-Bonito-e-Produart
22 Jul 2026

Burela volverá reivindicar a próxima fin de semana o seu vínculo co mar e coa gastronomía coa celebración da XL Feira do Bonito, declarada Festa de Interese Turístico Nacional, e da XXIV Feira de Produtos do Mar e da Terra, Artesanais e Ecolóxicos Produart. Dous eventos consolidados que reunirán no porto burelés unha ampla programación para promocionar os produtos da Mariña Lucense e dinamizar a actividade económica do municipio.

A presentación tivo lugar este mércores no salón de plenos do Concello de Burela coa participación da presidenta da Deputación de Lugo e alcaldesa da localidade, Carmela López; o deputado de Medio Rural, do Mar e Mocidade, Daniel García; a presidenta da Sociedade Cultural Recreativa Ledicia, Rocío Rivera; e o xerente da Fundación Expomar, José Manuel González, entre outras autoridades.

Durante o acto, Carmela López destacou que ambas feiras representan un importante escaparate para a gastronomía, os produtos locais e a tradición mariñeira da comarca. Segundo explicou, cada edición congrega milleiros de visitantes, o que supón un importante impulso para o comercio, a hostalería e o conxunto da economía local, ademais de contribuír a reforzar a imaxe da Mariña como destino turístico durante o verán.

A presidenta da Deputación tamén incidiu no apoio da institución provincial ao sector pesqueiro e á Fundación Expomar, organizadora de Produart. Ademais da colaboración económica, a Deputación contará cun expositor propio no recinto feiral desde o que ofrecerá información turística da provincia e divulgará a celebración da eclipse solar total prevista para o vindeiro mes de agosto, co obxectivo de promocionar Lugo como destino turístico.

A programación da Feira do Bonito arrancará o sábado, 1 de agosto, ás 10.30 horas, co IV Encontro de Alfombrismo e Arte Efémero Galego no porto de Burela. Ao longo da mañá desenvolveranse tamén a V Quedada de Coches Clásicos, a recepción das autoridades e o izado da bandeira azul no barco museo Reina del Carmen. Posteriormente entregaranse os premios do concurso de carteis, así como os recoñecementos de Asador Maior e Colaboradora de Honra, antes da lectura do pregón, que este ano correrá a cargo de Paula Jorge Horta.

A degustación de bonito cocido, bonito á grella e empanada será unha das grandes protagonistas da xornada do sábado e prolongarase durante toda a tarde, que rematará con diferentes actuacións musicais.

O domingo, 2 de agosto, a programación continuará con actividades infantís durante a mañá e unha nova degustación gastronómica a partir das 13.30 horas, nesta ocasión cunha tapa de filloa de Muimenta rechea de bonito e unha ración de marmitako.

De maneira paralela, Produart abrirá as súas portas xa o venres, 31 de xullo, ofrecendo unha ampla representación de produtos do mar e da terra, artesanía e produción ecolóxica. O evento incluirá actividades para todas as idades, como obradoiros de pintacaras, demostracións de encaixe de bolillos e tear, ademais da presentación da nova edición do Festival Osa do Mar.

0.1216938495636