A Faba de Lourenzá reivindica o seu protagonismo cunha festa de tres días chea de sabor e tradición

AMariñaXa
Degustacións populares, showcookings, música, artesanía, propostas infantís e a XII Vespa Faba e Clásicos encherán a vila durante toda a fin de semana
festa-da-faba-2026-cartel
27 Sep 2026

Lourenzá volverá render homenaxe ao seu produto máis emblemático coa XXXIV Festa da Faba, que se celebrará do venres 2 ao domingo 4 de outubro. Tres días nos que gastronomía, música, tradición e actividades para diferentes públicos tomarán as rúas e prazas da vila, coa Faba de Lourenzá como gran protagonista.

O programa comezará o venres 2 cunha proposta enogastronómica. Ás 20.00 horas, o Claustro acollerá unha cata comentada a cargo da adega Triay, da D.O. Monterrei. A partir das 21.00 horas, a celebración trasladarase ao Campo dos Bolos coa verbena de Toxo Guayaba e The Sound Project.

A festa entrará de cheo na súa programación o sábado 3 ás 11.00 horas, coa apertura das casetas dos fabeiros na Praza do Conde Santo. A esa mesma hora comezarán a demostración e exposición de artesáns e alimentación polas rúas e prazas, abrirá o stand institucional do Concello de Antas de Ulla e desenvolverase a XII Vespa Faba e Clásicos. A música chegará tamén da man da Rondalla Mugardesa.

Un dos momentos institucionais da xornada producirase ás 12.00 horas co pregón de José Cuadrado, presidente da IXP Faba de Lourenzá. A continuación, ás 12.30 horas, o cociñeiro Álex Iglesias protagonizará un showcooking no que a gastronomía volverá situarse no centro da celebración.

A hora do xantar traerá unha das citas máis esperadas: ás 13.30 horas celebrarase no Campo dos Bolos a degustación popular da Faba de Lourenzá, acompañada de viños da adega Triay e café servido polo departamento de Hostalería do IES de Foz. Paralelamente, a orquestra Atenas amenizará a sesión vermú.

Xa pola tarde, a charanga Leña Verde percorrerá a vila desde as 16.30 horas. Ás 17.00, A Morena impartirá un obradoiro infantil de cociña e ás 17.30 poderanse probar petiscos elaborados con carne de poldro de pura raza galega. A música continuará ás 19.30 coa actuación de Sheila Patricia no Claustro, antes dunha verbena nocturna coa orquestra Atenas e The Sound Project ás 22.30 horas.

O domingo 4 comezará ás 8.00 horas coa apertura do mercado da Faba ao por maior no Mercado Comarcal. Dúas horas despois abrirán as casetas dos fabeiros e, desde as 11.00 horas, a vila recuperará boa parte do ambiente festivo coa XII Vespa Faba e Clásicos, as diferentes actividades programadas e o pasarrúas da charanga Louband.

Ás 11.30 horas haberá unha nova oportunidade de ver cociñar a Álex Iglesias, mentres que ás 13.30 horas coincidirán varias propostas: o Faba Bingo, a sesión vermú coa orquestra Lume e unha segunda degustación popular da Faba de Lourenzá.

A programación continuará pola tarde co obradoiro infantil de A Morena ás 17.00 horas e unha nova degustación de petiscos de carne de poldro ás 17.30. O peche cultural chegará ás 18.30 horas no Claustro cun festival folclórico no que participarán a Asociación Cultural Osorio Gutiérrez e o coro Cantigas e Agarimos, antes da clausura oficial desta XXXIV edición.

A Festa da Faba estenderase tamén á hostalería local, xa que os bares da vila servirán durante estes días tapas elaboradas con Fabas de Lourenzá. Ademais, o sábado e o domingo funcionará un tren turístico para achegar veciñanza e visitantes á Ruta das Fabas.

A celebración incorporará igualmente unha medida para favorecer unha festa máis inclusiva. Entre as 18.00 e as 19.00 horas haberá unha hora silenciosa, durante a que as atraccións infantís funcionarán sen son, facilitando así a participación de persoas do espectro autista ou cunha especial sensibilidade acústica.

 

PROGRAMACIÓN

0.14688801765442