A ETAP de Celeiro recupera a normalidade tras a avaría que comprometeu o abastecemento en Barreiros

AMariñaXa
Aínda que o sistema xa funciona con normalidade, continúan pendentes algunhas intervencións técnicas para completar a reparación
auga-billa-grifo
13 Jul 2026

O servizo de abastecemento de auga en Barreiros recupera pouco a pouco a normalidade despois da incidencia rexistrada este sábado na Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de Celeiro, que chegou a poñer en risco o subministro no municipio e obrigou o Concello a pedir un consumo responsable á poboación.

Segundo informou o Goberno local, a planta quedou plenamente operativa ás 21.15 horas deste domingo, unha vez finalizadas as actuacións máis urxentes para reparar a avaría. Desde ese momento iniciouse a recuperación progresiva das reservas de auga nos depósitos, que durante a incidencia chegaron a niveis mínimos.

Aínda que o sistema xa funciona con normalidade, continúan pendentes algunhas intervencións técnicas para completar a reparación. Por iso, o Concello recomenda manter un uso moderado da auga ata que os depósitos recuperen completamente a súa capacidade.

A administración local sinala que, en principio, non se prevén novos problemas no abastecemento, aínda que admite que poderían rexistrarse baixadas puntuais de presión nalgunhas zonas da rede mentres se estabiliza o sistema.

A incidencia detectouse na mañá do sábado e deixou sen servizo a ETAP de Celeiro, unha infraestrutura esencial para o abastecemento de Barreiros. A parada da planta afectou tamén ao depósito principal, comprometendo o funcionamento da rede de distribución.

Durante toda a fin de semana, os equipos técnicos traballaron para identificar a orixe da avaría, que todo apunta a que estivo provocada por un fallo electromecánico relacionado coas treboadas. A alcaldesa, Ana Hermida, explicou que durante a noite xa se rexistraran pequenas incidencias coincidindo cos episodios tormentosos, o que reforza esta hipótese.

A situación adquiriu unha especial relevancia ao producirse en plena tempada estival, cando a chegada de turistas e propietarios de segundas residencias multiplica a poboación do municipio ata alcanzar arredor de 15.000 persoas, incrementando considerablemente a demanda de auga.

O Concello quixo agradecer a resposta da veciñanza e dos visitantes, que atenderon a petición de reducir o consumo durante as horas máis delicadas da incidencia, contribuíndo así a preservar as reservas dispoñibles e evitar un corte xeneralizado do subministro.

0.11956286430359