A Deputación reforza o seu apoio a Lourenzá con investimentos e novos compromisos por máis de 326.000 euros

AMariñaXa
Carmela López e Rocío López revisaron actuacións en infraestruturas, equipamento municipal e estradas, ademais de anunciar novas melloras para o recinto feiral Ponte de Cuñas
LOURENZA-Barrio-do-Pedrón-2026-deputacion
21 May 2026

A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, e a alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, realizaron unha visita institucional ao municipio para comprobar o avance de diferentes actuacións financiadas pola administración provincial, cun investimento global superior aos 326.000 euros. Durante a xornada tamén se deron a coñecer novos compromisos de colaboración destinados a reforzar servizos e equipamentos municipais.

Acompañadas polos concelleiros Javier Huertas, Manuel Arango e Mario Leitón, ambas responsables percorreron distintos puntos do concello nos que a Deputación está a impulsar actuacións orientadas á mellora das infraestruturas públicas e á dotación de recursos para o día a día da veciñanza.

Carmela López destacou a importancia de manter unha colaboración constante cos municipios, especialmente cos de menor tamaño, para garantir servizos públicos adecuados e contribuír á mellora da calidade de vida da poboación. Segundo sinalou, os investimentos realizados permiten dotar aos concellos de instalacións, maquinaria e espazos adaptados ás necesidades actuais.

A primeira parada da visita tivo lugar no recinto feiral Ponte de Cuñas, onde se supervisaron os traballos de rehabilitación dunha nave municipal que será transformada nun centro multiusos. A actuación contou cun investimento provincial de 111.000 euros e permitirá ampliar os usos deste espazo para actividades de carácter social, cultural e comunitario.

Durante o percorrido, a presidenta provincial anunciou ademais a intención da Deputación de destinar outros 150.000 euros ao complexo para continuar coa recuperación e acondicionamento doutras dúas naves existentes no recinto, ampliando así as posibilidades de utilización destas instalacións.

No mesmo emprazamento tamén foi revisado o novo tractor incorporado ao parque móbil municipal grazas a unha achega superior aos 50.000 euros procedente do Plan Deputación. Este vehículo permitirá desenvolver tarefas de mantemento viario, limpeza de espazos públicos, conservación de zonas verdes e actuacións forestais en distintos puntos do municipio.

A visita continuou nun tramo da antiga estrada N-634, actualmente de titularidade municipal, que enlaza a zona de Arroxo co casco urbano. As representantes institucionais comprobaron as melloras xa executadas e os dous treitos pendentes de renovación, nos que se investirán preto de 165.000 euros. Trátase dunha vía de especial relevancia para a mobilidade local e comarcal, empregada habitualmente pola veciñanza, o transporte vinculado ao sector agrario e os peregrinos que percorren a zona.

Outro dos puntos incluídos na xornada foi a revisión dos traballos desenvolvidos polos equipos do Parque Móbil da Deputación. As actuacións permitiron abrir e limpar arredor de oito quilómetros de pistas forestais e rexenerar dez quilómetros de estradas municipais, mellorando as condicións de circulación e acceso en distintos núcleos rurais.

Entre estas intervencións figura a estrada que comunica Lourenzá coa parroquia de San Xusto, no municipio de Barreiros, onde se acometeron tarefas de reparación do firme para corrixir desperfectos nunha vía con importante tránsito diario. Nesta parte da visita participou tamén a tenente de alcaldesa de Barreiros, Carmen Veiga.

A xornada concluíu no barrio do Pedrón, onde ambas mandatarias comprobaron o estado da contorna das vivendas sociais. Neste ámbito está prevista unha actuación de renovación do pavimento deteriorado, financiada con algo máis de 50.000 euros achegados pola Deputación a través dun convenio de colaboración co Concello, que inclúe diversas melloras neste espazo residencial.

Con estas actuacións, Deputación e Concello continúan avanzando nunha estratexia de cooperación institucional orientada a modernizar infraestruturas, reforzar servizos públicos e mellorar as condicións de vida da veciñanza de Lourenzá.

0.1175639629364