A Deputación presenta en Fitur a provincia como un destino gastronómico

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
José Tomé Roca presentou este xoves na Feira Internacional de Turismo a nova campaña lanzada pola Deputación, 'Saborea a Provincia de Lugo', para poñer en valor o peso da gastronomía local; nun acto que contou coa presenza de produtores da provincia e do turismo rural.
presentacion campana fitur
25 Xan 2024

José Tomé Roca presentou este xoves na Feira Internacional de Turismo a nova campaña lanzada pola Deputación, 'Saborea a Provincia de Lugo', para poñer en valor o peso da gastronomía local; nun acto que contou coa presenza de produtores da provincia e do turismo rural.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou este xoves no stand de Galicia na Feira Internacional de Turismo (Fitur) a nova campaña de promoción turística da institución provincial, Saborea a Provincia de Lugo. Unha proposta para amosar a “autenticidade e calidade dos produtos locais", co obxectivo de posicionar á provincia como destino gastronómico de referencia a nivel internacional e fortalecer a súa oferta turística. Así o destacou José Tomé esta mañá no pavillón de Ifema, nun acto que contou coa participación de produtores da provincia e do turismo rural, como Fernando González Ribero, da adega Algueira; Xesús Mazaira Varela, de queixos Airas Moniz; e María José Bouzas Seoane, de Tataraboas galletas artesáns.

Na súa intervención, José Tomé agradeceu o traballo constante destes profesionais que falaron da importancia de apostar polos sabores da provincia como uns dos mellores aliados para diferenciar a nosa oferta culinaria, establecendo así un vínculo coa nosa paisaxe e a nosa cultura. “Temos praia, mar, montaña, campo, bosques e chairas. Temos peixes e carnes con denominacións propia, recoñecidos nas cartas dos mellores restaurantes”, subliñou o mandatario provincial que fixo fincapé, en que, “a historia nos deixou pratos propios como o butelo ou as receitas de elaboración dos nosos queixos. E a nosa capacidade de innovación permitiunos recuperar a viticultura heroica da Ribeira Sacra para sentar os nosos viños no simposio das grandes denominacións de orixe de todo o mundo”.

Con esta iniciativa presentada hoxe en Fitur, a Deputación dá un paso máis na súa estratexia turística baseada “nun modelo de calidade, sostible, non masificado que actúa como panca de desenvolvemento do rural e que contribúe a fixar poboación no territorio” Un modelo de turismo centrado en potenciar as experiencias persoais, posto que, "Lugo, que ten de todo, quere ser algo único e diferente para cada visitante”.

Nese sentido expresou Tomé Roca, “estamos orgullosos porque ano tras ano recibimos na nosa terra máis visitantes estranxeiros que nos coñecen porque a nosa oferta encaixa nos grandes paquetes dos operadores internacionais, pero tamén moitos visitantes doutros puntos de España, que consideran a provincia de Lugo como destino favorito o preferente da Península”. Por moitos motivos diferentes, engadiu “para comer, para facer o camiño de Santiago, para participar no Arde Lucus, e no Resurrection Fest, para navegar polos Canóns do Miño e do Sil, pero todo o mundo marcha desexando volver e coa sensación de facer amigos”.

Rematou, o presidente convidando aos presentes a saborear a provincia de Lugo e descubrir por sí mesmos “experiencias de verdade”, nun mundo dominado pola pantalla móbil. “Non deixen que llo conten outros, porque a realidade da provincia de Lugo é sempre mellor do que se pode expresar con palabras ou con imaxes”, concluíu.

Vídeo promocional da campaña

Durante o acto de presentación estreouse o vídeo promocional da campaña da Deputación Saborea a Provincia de Lugo. A peza audiovisual percorre a través de espectaculares imaxes a inmensa variedade de paisaxes, de oferta gastronómica e do patrimonio cultural que caracteriza á provincia de Lugo.

Coa difusión deste vídeo, de tres minutos de duración na súa versión longa, a institución provincial busca non só promover a provincia de Lugo como destino turístico, senón tamén proporcionar ao visitante unha visión inmersiva das experiencias únicas e auténticas que lle agardan durante a súa viaxe pola provincia.

Apoio á marca A Mariña, Galicia de corazón

O mandatario provincial participará esta tarde na presentación da nova marca A Mariña, Galicia de corazón, impulsada pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense. Unha marca que ten como obxectivo renovar a identidade turística e de territorio desta comarca de referencia, que nace no contexto de implantación do vixentePlan de Sostibilidade Turística na Mariña 2022–2024 cofinanciado pola Mancomunidade de Concellos, co apoio da Deputación de Lugo. Un Plan que inclúe 5 eixos e 18 liñas de actuación a desenvolver cos municipios, pero tamén cos axentes turísticos.

0.21778392791748