A Deputación mobiliza máis de 760.000 euros para actuacións na Pontenova, Lourenzá, Foz e Burela

AMariñaXa
Os acordos inclúen melloras en estradas e edificios públicos, novo mobiliario urbano e apoio á celebración do festival burelao do 2 ao 6 de setembro
pablo-rivera-capon-deputacion-2026
28 Aug 2026

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo deu luz verde a diferentes actuacións na Mariña que, no seu conxunto, superan os 760.000 euros. Os acordos afectan á Pontenova, Lourenzá, Foz e Burela e abranguen desde a mellora da rede viaria ata a rehabilitación de edificios públicos e o apoio á programación cultural.

Na Pontenova, a institución provincial sacou a licitación por 239.524 euros unha actuación na rede viaria municipal da parroquia de Conforto. Os traballos permitirán renovar o firme de diferentes tramos, acondicionar os sistemas de drenaxe e mellorar as condicións de circulación e seguridade das vías que dan servizo á veciñanza.

Tamén no ámbito das infraestruturas, Ovisa Pavimentos y Obras SLU resultou adxudicataria por 241.745,90 euros das obras previstas na estrada provincial LU-P-2804, no concello de Lourenzá. O proxecto centrarase na mellora da drenaxe ao longo de 4,2 quilómetros entre Pedrón e A Cazolga.

250.000 euros para edificios e mobiliario urbano en Foz

Outro dos acordos aprobados permitirá destinar 250.000 euros a diferentes actuacións en Foz. A achega servirá para intervir en edificios municipais e renovar parte do mobiliario urbano da localidade.

En concreto, está previsto pintar as fachadas e renovar a carpintería exterior tanto do CENIMA como da Casa Consistorial. O financiamento permitirá tamén adquirir novos bancos, mupis e marquesiñas para diferentes espazos públicos.

O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, destacou que estas intervencións forman parte da cooperación cos concellos e da mellora dos servizos e infraestruturas municipais.

Osa do Mar recibe 30.000 euros para a edición de 2026

No apartado cultural, a Xunta de Goberno aprobou unha achega de 30.000 euros á entidade Fanto Fantini para colaborar na organización do Festival Osa do Mar, que se celebrará en Burela entre os días 2 e 6 de setembro.

A cita reunirá máis de 18 artistas e formacións nun programa que combina música, creación galega contemporánea e propostas vinculadas á posta en valor do patrimonio da Mariña.

Desde a institución provincial destacan tamén a repercusión económica e turística do festival, especialmente pola súa capacidade para atraer público e xerar actividade na hostalaría, o comercio e outros servizos locais.

0.14753079414368