A Deputación mellora a estrada do Alto de Moreiras cun investimento superior aos 136.000 euros

AMariñaXa
Os traballos na LU-P-6405 inclúen a renovación do firme en dous treitos e reforzan o acceso a un dos enclaves turísticos máis destacados do Vicedo
aglomerado-Obras-Vicedo
1 Jun 2026

A Deputación de Lugo continúa avanzando na mellora da rede viaria provincial co inicio esta semana das obras de renovación de dous tramos da estrada LU-P-6405, no concello do Vicedo. A actuación céntrase na vía que conecta a localidade con Vilasuso e o Alto de Moreiras, un dos puntos paisaxísticos e turísticos máis recoñecidos do municipio mariñán.

Os traballos contemplan o estendido de aglomerado en quente en dous treitos diferenciados da estrada. O primeiro abrangue máis de 700 metros, entre os puntos quilométricos 1,400 e 2,155, mentres que o segundo supera o quilómetro de lonxitude, desde o 3,493 ata o 4,693.

A empresa CHOLO SL é a encargada de executar esta intervención, para a que a institución provincial destina máis de 136.000 euros. Ademais da renovación do pavimento, o proxecto inclúe a reapertura e limpeza de cunetas, así como a reposición da sinalización horizontal co obxectivo de mellorar tanto a seguridade viaria como a comodidade da circulación.

Desde a Deputación destacan a relevancia desta actuación debido á importancia do Alto de Moreiras como recurso turístico do municipio. A zona conta cunha área recreativa e cun miradoiro natural que ofrece panorámicas privilexiadas da ría do Barqueiro e da coñecida Illa Coelleira, converténdose nun destino frecuentado tanto por veciños como por visitantes.

Esta actuación súmase a outras melloras realizadas recentemente pola institución provincial no Vicedo. Nos últimos meses tamén se acondicionaron as estradas LU-P-6401, entre Suegos e Falcoeira, e LU-P-6402, que comunica o núcleo urbano co Cristo de Portapena por Cruz da Pardiñeira.

Estas intervencións, que supuxeron un investimento próximo aos 330.000 euros, permitiron renovar varios quilómetros de vías provinciais mediante a mellora do firme, a limpeza de cunetas e a actualización da sinalización, contribuíndo a reforzar as comunicacións e a mobilidade no municipio.

0.11545419692993