A Deputación licita máis de 530.000 euros para mellorar estradas provinciais en Mondoñedo e Ourol

AMariñaXa
As actuacións permitirán renovar o firme en cinco treitos da rede viaria, reforzando a seguridade e as comunicacións entre diferentes núcleos de poboación
pilar-garcia-porto-deputada-alcaldesa-antas
17 Jul 2026

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo deu luz verde á licitación de dous proxectos destinados á mellora da rede viaria provincial nos concellos de Mondoñedo e Ourol. As actuacións, que supoñen un investimento conxunto superior aos 532.000 euros, teñen como obxectivo rehabilitar o pavimento de diferentes estradas e incrementar a seguridade da circulación.

No municipio de Mondoñedo destinaranse 255.837,27 euros á renovación do firme en dous treitos das estradas provinciais LU-P-3103, que une Lindín con Santa María Maior, e LU-P-3106, que comunica Os Remedios con Romariz a través de Estelo. Estas vías desempeñan un papel importante nas comunicacións entre distintas parroquias e tamén facilitan a conexión co concello de Abadín.

Pola súa banda, en Ourol investirán 276.688,33 euros na rehabilitación de tres tramos da estrada LU-P-3801, unha vía que enlaza o núcleo urbano da capital municipal con lugares como O Carme e As Lobeiras. Os traballos executaranse desde o inicio da estrada ata o punto quilométrico 1,9, entre os quilómetros 3 e 3,8, e tamén entre o 4,4 e o 4,8.

As obras previstas inclúen a limpeza e apertura de cunetas, a renovación do pavimento mediante a aplicación de mestura bituminosa en quente e a reposición da sinalización horizontal. O prazo de execución establecido para ambas actuacións será de catro meses.

0.13379383087158