A Deputación licita a mellora integral da estrada de acceso ao porto de Celeiro

AMariñaXa
Os traballos renovarán o firme, a drenaxe e a sinalización nunha vía clave para a actividade pesqueira e para o acceso a espazos municipais e eventos multitudinarios
pilar-garcia-porto-deputada-alcaldesa-antas
15 May 2026

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo deu luz verde á licitación das obras de mellora da LU-P-6612, a estrada provincial que conecta a LU-862 co porto de Celeiro e coa Confraría de Pescadores de Viveiro. A actuación permitirá acondicionar practicamente a totalidade deste vial, considerado unha infraestrutura estratéxica para o tráfico diario e para a actividade económica vinculada ao sector pesqueiro.

O proxecto contempla unha renovación completa do firme mediante o fresado do pavimento actual e a posterior extensión de aglomerado en quente. Ademais, levaranse a cabo tarefas de limpeza de cunetas e melloras no sistema de drenaxe co obxectivo de evitar acumulacións de auga e problemas de asolagamentos en episodios de choiva intensa. As obras completaranse coa reposición da sinalización horizontal e vertical ao longo de todo o trazado.

Desde a institución provincial subliñan que esta intervención contribuirá a reforzar a seguridade viaria e facilitará o movemento de vehículos ligados ás operacións loxísticas do porto de Celeiro, unha das referencias da actividade pesqueira tanto na provincia de Lugo como no conxunto de Galicia.

A estrada tamén resulta fundamental para acceder a diferentes servizos e instalacións municipais, entre eles a piscina de Viveiro, así como ao recinto que cada verán acolle o Resurrection Fest, un dos festivais musicais con maior capacidade de convocatoria da comunidade.

O investimento previsto ascende a preto de 140.000 euros e o prazo estimado para a execución dos traballos será de catro meses.

A Deputación lembrou ademais o esforzo investidor realizado nos últimos anos nesta contorna, cunha achega próxima aos 600.000 euros destinada á humanización e renovación de servizos na Rúa do Porto de Celeiro, especialmente na zona do cruzamento da LU-P-6612 coa vía da Lavandeira e no principal acceso á fachada marítima celeirense.

0.11610698699951