A Deputación investirá máis de 50.000 euros na mellora da área de autocaravanas de Trabada

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres unha achega superior aos 50.000 euros para acometer obras de acondicionamento na área de autocaravanas de Trabada.
O investimento permitirá renovar os accesos e mellorar as condicións de seguridade e comodidade das persoas usuarias deste espazo, situado no complexo municipal de lecer e deporte.
A área conta na súa contorna con diferentes instalacións, entre elas pistas deportivas, unha zona recreativa, un pump track, unha tirolina e amplas zonas verdes, configurándose como un dos principais espazos de lecer do municipio.
Segundo explicou a voceira do Goberno provincial, Pilar García Porto, o obxectivo desta actuación é reforzar a oferta turística de Trabada e consolidar a área de autocaravanas como un referente para o turismo itinerante na comarca.
A iniciativa forma parte do paquete de investimentos aprobado pola Deputación de Lugo para fortalecer a cooperación cos concellos e impulsar proxectos que contribúan ao desenvolvemento económico e turístico da provincia.