A Deputación impulsa a mellora de tres estradas provinciais no Vicedo cun investimento superior aos 460.000 euros

A Deputación de Lugo continúa executando diferentes actuacións para reforzar a rede viaria provincial no Vicedo, onde está a investir máis de 460.000 euros na mellora de varias estradas que vertebran as comunicacións do municipio. As obras céntranse actualmente na rehabilitación de dous eixes viarios situados no norte do concello, aos que se suman intervencións noutra estrada provincial que conecta a vila co Alto de Moreiras.
Os traballos máis avanzados desenvólvense nas estradas LU-P-6401, que comunica as parroquias de Suegos e Falcoeira, e LU-P-6402, que enlaza o núcleo urbano do Vicedo con Cristo de Portapena a través de Cruz da Pardiñeira. Nestes días estase a realizar o estendido de aglomerado en quente, unha actuación que se completa con melloras no sistema de drenaxe e coa rehabilitación do ramal que une ambas as vías.
A empresa Carfelo SL é a encargada de executar estas actuacións, financiadas con preto de 330.000 euros de fondos provinciais. O proxecto permitirá renovar unha ampla superficie da rede viaria na zona onde conflúen estas dúas estradas, mellorando as condicións de circulación e a conexión entre distintos núcleos do municipio.
En concreto, as obras abarcan os tres primeiros quilómetros da LU-P-6401, entre os puntos quilométricos 0,6 e 3,2, nun tramo que conecta coa estrada autonómica LU-862. Tamén se actúa no último sector da LU-P-6402, entre os quilómetros 17,1 e 19,3, á altura da parroquia de Negradas. Ademais, será rehabilitado na súa totalidade o ramal de 1,164 quilómetros que enlaza ambas as vías provinciais.
Paralelamente, a institución provincial acomete outras melloras na estrada LU-P-6405, que une o centro do Vicedo co Alto de Moreiras por Vilasuso. Neste caso, a inversión ascende a 136.000 euros e permitirá acondicionar dous treitos diferenciados da vía.
As actuacións previstas nesta estrada inclúen a renovación dun primeiro tramo de máis de 700 metros, entre os puntos quilométricos 1,400 e 2,155, así como dun segundo sector que supera o quilómetro de lonxitude, situado entre os quilómetros 3,493 e 4,693. Con estas intervencións, a Deputación busca reforzar a seguridade e a comodidade da circulación nun conxunto de vías que resultan fundamentais para a mobilidade diaria dos veciños do municipio.