A Deputación implicarase na promoción turística de Viveiro

TerraChaXa | AMariñaXa
A Deputación implicarase na promoción turística de Viveiro a través dun convenio polo que achega 25.000 euros
15 Xan 2021

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou coa Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro García, tamén Deputada provincial de Muller e Igualdade, un convenio de colaboración polo cal a institución provincial destina 25.000€ a o Concello para proxectar e promocionar o turismo desta localidade mariñá.

Tomé Roca explica que esta achega económica ten como obxectivo poñer en valor o patrimonio cultural e natural da cidade do Landro e tamén mellorar e acondicionar os lugares de reclamo para que a experiencia do visitante sexa o máis enriquecedora posible. “Vanse colocar 4 carteis de sinalización na autovía A-6 e A-8 que sirvan para visibilizar e poñer en valor o destino e os atractivos turísticos de Viveiro, e tamén para incrementar a percepción de identidade e de destino turístico de calidade”.  Ademais, “refórzase a súa imaxe como lugar de referencia da Semana Santa, de capital do Resurrection Fest, e os numerosos reclamos históricos e paisaxísticos que atesoura”, detallou o mandatario provincial.

O convenio inclúe ademais a renovación de determinado mobiliario urbano que se atopa obsoleto ou deteriorado como papeleiras ou bancos, pero tamén aqueles que facilitan o transporte alternativo libre de impacto ambiental, como son os aparcabicicletas. “Parécenos moi importante que as vilas e cidades estean adaptadas e faciliten que as persoas teñan os recursos oportunos para facer máis fácil desprazarse en bicicleta”, indica o Presidente.

Así mesmo, coa nova situación derivada da pandemia da Covid-19, “percibimos que a xente ten outra forma de desfrutar do seu tempo libre e opta e pasa máis horas nos espazos abertos, percorrendo os cascos históricos, parques ou paseos marítimos, polo que o mobiliario urbano debe estar en condicións óptimas”.

0.13235402107239