A Deputación destina preto de 700.000 euros á mellora de nove estradas da Mariña

A Deputación de Lugo continúa reforzando a súa rede viaria na comarca da Mariña cun novo paquete de actuacións que supón un investimento próximo aos 700.000 euros. Os proxectos aprobados pola Xunta de Goberno permitirán mellorar un total de nove estradas provinciais situadas nos concellos do Valadouro, Ribadeo e Foz, co obxectivo de incrementar a seguridade da circulación e optimizar as comunicacións tanto da veciñanza como das persoas que visitan a comarca.
A actuación de maior contía corresponde ao Valadouro, onde a institución provincial sacou a licitación as obras de rehabilitación integral da estrada LU-P-6305, que comunica a LU-P-0101, á altura da Capela de Santa Filomena do Cadramón, co reemisor de RTVE da parroquia. O proxecto conta cun orzamento de 256.862,35 euros e contempla a mellora dos case seis quilómetros da vía mediante a limpeza e reapertura de cunetas, a reparación dos desperfectos existentes, a renovación do firme e a substitución da sinalización vertical. O prazo previsto para executar os traballos é de catro meses.
En Ribadeo, a Deputación adxudicou por 193.963 euros a reparación dun tramo de máis de tres quilómetros da estrada LU-P-5204, que enlaza Cedofeita con Regocorto por Arante. A intervención incluirá a limpeza das cunetas e da drenaxe, a extensión dunha nova capa de aglomerado en quente e a renovación da sinalización horizontal para mellorar as condicións de circulación.
No caso de Foz, o investimento ascende a 247.396,60 euros e permitirá actuar en sete estradas provinciais que comunican diferentes núcleos costeiros, urbanizacións e accesos a areais como Llas ou Arealonga. As obras abarcarán as vías LU-P-2001, LU-P-2002, LU-P-2006, LU-P-2007, LU-P-2009, LU-P-2011 e LU-P-2013, onde se executarán tarefas de limpeza de cunetas, renovación do pavimento e mellora da sinalización horizontal.
O proxecto inclúe ademais a ampliación da beirarrúa da rúa Eduardo Pondal, unha actuación orientada a incrementar a seguridade peonil na contorna do centro educativo.
A voceira do Goberno provincial, Pilar García Porto, destacou que estas intervencións permitirán mellorar vías consideradas estratéxicas para a mobilidade da Mariña, favorecendo tanto os desprazamentos diarios da veciñanza como os accesos ás principais zonas turísticas do litoral focense.