A Deputación destina máis de 300.000 euros a mellorar estradas de Cervo e a accesibilidade da Casa da Cultura de Ourol

A Deputación de Lugo aprobou novas actuacións destinadas a mellorar infraestruturas e servizos públicos na comarca da Mariña, cun investimento global que supera os 300.000 euros nos concellos de Cervo e Ourol. As intervencións permitirán actuar tanto na rede viaria provincial como nun equipamento cultural municipal, co obxectivo de mellorar a seguridade, a accesibilidade e a calidade dos servizos á veciñanza.
A voceira socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto, informou destas actuacións tras a reunión semanal da Xunta de Goberno, destacando que se trata de proxectos que “repercutirán directamente na calidade de vida dos veciños e veciñas” dos municipios beneficiados.
No caso de Cervo, a institución provincial aprobou a licitación dos traballos de mellora en dous treitos das estradas LU-P-1503 e LU-P-1505, cun orzamento superior aos 250.000 euros.
Na estrada LU-P-1503, que conecta Río Covo con Vilaestrofe pasando por Trasbar, intervirase nun tramo comprendido entre os puntos quilométricos 2,600 e 4,360. Os traballos incluirán a limpeza de cunetas, actuacións para mellorar a drenaxe, corrección de deficiencias existentes en varias curvas e posteriormente a renovación do firme mediante o estendido de aglomerado en quente. Unha vez finalizada esta fase, completarase a actuación coa reposición da sinalización horizontal.
O prazo previsto para executar estas obras será de catro meses. Segundo explicou García Porto, esta intervención dará continuidade ás melloras realizadas anteriormente pola Deputación nesta mesma vía, onde xa se actuara nos primeiros quilómetros do trazado.
A voceira socialista destacou a importancia desta estrada pola súa conexión coa LU-P-1502, unha vía que comunica con Burela e co Hospital da Mariña, e sinalou que a actuación permitirá ofrecer un percorrido “máis seguro e cómodo” para os usuarios habituais.
Ademais, lembrou que se trata dun vial empregado por veciños de Trasbar, Castelo e outras parroquias da zona, xa que facilita o acceso a espazos como os campos de fútbol da Granda, en Rúa; o campo da Chá, en Vilaestrofe; ou o Miradoiro de Monte Castelo, un dos puntos turísticos destacados da comarca.
A segunda actuación prevista en Cervo desenvolverase na estrada LU-P-1505, que une o núcleo urbano coa estrada nacional N-642 e coa parroquia de San Román de Vilaestrofe. Neste caso, os traballos centrarase nun tramo de algo máis de dous quilómetros.
Melloras de accesibilidade na Casa da Cultura de Ourol
Por outra banda, a Xunta de Goberno provincial aprobou tamén un convenio de colaboración co Concello de Ourol polo que a Deputación achegará máis de 60.000 euros para financiar integramente a mellora da accesibilidade da Casa da Cultura municipal.
A actuación permitirá eliminar barreiras arquitectónicas e adaptar este equipamento público para convertelo nun espazo máis cómodo, funcional e inclusivo, facilitando que todas as persoas poidan participar nas actividades culturais e sociais que se desenvolven neste centro.
A Casa da Cultura de Ourol constitúe un dos principais puntos de encontro da vida social do municipio, tanto para o tecido asociativo como para a organización de propostas culturais e actividades abertas á veciñanza.
García Porto sinalou que esta colaboración forma parte da liña de apoio da Deputación aos concellos da provincia, especialmente para impulsar actuacións que “en moitos casos non poderían asumir unicamente cos seus recursos propios”.