A Deputación destina 260.000 euros á mellora de dúas estradas provinciais en Burela

AMariñaXa
As actuacións renovarán tramos das vías que comunican o municipio con San Cibrao pola Marosa e con Ferreira do Valadouro
Xunta-de-Goberno-mobilidade-Carmela-Lopez
21 Aug 2026

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou a adxudicación das obras de mellora de dúas estradas provinciais ao seu paso por Burela. Os traballos, cun investimento conxunto de 260.000 euros, actuarán nas vías LU-P-1510 e LU-P-1502.

A empresa ECOASFALT SA será a encargada de executar os dous proxectos. Na LU-P-1510, estrada que comunica San Cibrao e Burela pola Marosa, a intervención desenvolverase entre o límite municipal coa Avenida da Mariña e o punto quilométrico 9,3, concretamente desde o quilómetro 6,16.

Pola súa banda, na LU-P-1502, que conecta Burela con Ferreira do Valadouro, os traballos abarcarán desde a zona da Casa da Garda Civil ata o cemiterio municipal, entre o inicio da vía e o punto quilométrico 1,89.

As actuacións previstas inclúen a reapertura e o revestimento das cunetas, a renovación do firme mediante aglomerado en quente e a mellora da sinalización. O prazo establecido para completar as obras é de catro meses desde o seu inicio.

A presidenta da Deputación e alcaldesa de Burela, Carmela López, destacou a importancia destas comunicacións tanto para o municipio como para o conxunto da Mariña. "Estamos a falar de dúas estradas fundamentais para Burela e para toda A Mariña", sinalou.

López fixo especial referencia á estrada da Costa, que permite acceder á praia da Marosa e ao campo de fútbol. Neste sentido, lembrou que estas instalacións deportivas tamén serán obxecto dunha renovación integral cun investimento de 800.000 euros financiado conxuntamente polo Concello e a Deputación.

A presidenta provincial enmarcou estas actuacións na política de investimentos da institución para atender as necesidades dos municipios e mellorar as infraestruturas da rede viaria provincial.

0.14242887496948