A Deputación de Lugo promoverá produtos de razas autóctonas nas festas de Saldoira, na Pontenova

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo promocionará os produtos de razas autóctonas nas festas de Saldoira, na Pontenova, onde o público poderá degustar embutidos de porco celta da gandería Celtagal, de Mondoñedo.
A iniciativa foi presentada polo deputado de Rural, Daniel García, xunto con Alba Fernández e os representantes de Asoporcel, Iván Rodríguez e Jose Barreira. A proposta forma parte do programa de fomento do consumo de razas autóctonas “Un gusto de rural, un rural de gusto”.
O programa, posto en marcha en 2025 para socializar as calidades gastronómicas das carnes de razas autóctonas galegas a través de diferentes receitas, prevé este ano 37 degustacións en mercados, feiras e outras celebracións populares. Na súa organización, que conta coa colaboración das asociacións Puraga, Asoporcel e Boaga, priorízase o uso de materia prima procedente de gandeiros e gandeiras locais.
As festas de Saldoira celébranse os días venres 26 e sábado 27 de xuño. O venres 26, ás 22:00 horas, terá lugar unha gran churrascada servida polo Restaurante O Frenazo, cun prezo de 20 euros e menú composto por empanadas, churrasco de porco, chourizo vermello, criollo, pan, sobremesa, viño ou auga e café. As reservas poderán facerse ata o 24 de xuño nos teléfonos 619 679 667 e 636 258 106. A continuación celebrarase unha gran verbena co grupo Lume.
O sábado 27 de xuño comezará coa misa solemne ás 13:30 horas, seguida de procesión e sesión vermú a cargo do grupo Folixa. Durante a sesión vermú ofrecerase unha degustación gratuíta de embutidos de raza porco celta no marco do programa “Un gusto de rural, un rural de gusto” da área de Rural da Deputación de Lugo. Pola noite, a festa continuará cunha gran verbena tamén co grupo Folixa. Ademais, haberá merendas no campo da festa como é habitual, con merendeiros acondicionados.