A Deputación de Lugo aproba os orzamentos do 2024 que ascenden aos 116 millóns de euros

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O Goberno provincial aprobou definitivamente no pleno ordinario deste martes os orzamentos da Deputación de Lugo para o ano 2024, que entrarán en vigor o vindeiro día 1 de xaneiro.
presentacion orzamentos deputacion
26 Dec 2023

O Goberno provincial aprobou definitivamente no pleno ordinario deste martes os orzamentos da Deputación de Lugo para o ano 2024, que entrarán en vigor o vindeiro día 1 de xaneiro. A institución contará con 116 millóns de euros, un 5,32 % máis ca neste 2023, para ofrecer máis servizos públicos e favorecer o dinamismo económico da provincia, sobre todo no rural.

O presuposto saíu adiante, xa que, seguindo o informe do servizo de intervención, desestimáronse as dúas únicas reclamacións presentadas ao mesmo durante o período de exposición pública -unha polo alcalde de Becerreá e outra pola Plataforma Pro Residencia da localidade-, dado que “xa existe crédito orzamentario para dotar de equipamento e seguir avanzando cara a apertura do centro coa incorporación de remanentes”.

Así o explicou a deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Mayra García Bermúdez, quen, aludindo ao informe de Intervención, lembrou que o convenio de colaboración entre a Deputación e o Concello de Becerreá para a construción da residencia contempla a aplicación das baixas das licitacións ao propio centro, e que “os remanentes á data actual ascenden a 1.318.781,98 euros”. Así mesmo, “existe unha dotación de 300.000 euros no orzamento dispoñible de ser preciso”.

O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro valorou o Plan Deputación como unha ferramenta fundamental para a financiación de investimentos nos concellos. Durante o pleno deste martes, o vicepresidente destacou que “os concellos recibirán 21,75 millóns de euros, distribuídos seguindo criterios obxectivos, establecidos nas bases da convocatoria que aprobamos hoxe, garantindo que todos os concellos saiban os recursos dos que van dispoñer para o ano que vén”.

Axuda para os servizos sociais e culturais

As bases do Plan Deputación publicaranse no Boletín Oficial da Provincia o vindeiro 8 de xaneiro, data a partir da cal os concellos poderán concretar as accións a desenvolver cos fondos asignados, distribuídos en función da superficie, a poboación, o índice de envellecemento e a dispersión territorial.

Ademais de investimentos en infraestruturas, o Plan Deputación ofrece aos concellos financiamento para outros servizos como a axuda no fogar; actividades e investimentos culturais, deportivos, administración electrónica e protección de datos, protección civil, celebración de eventos turísticos, feiras, mercados, así como programas de emprego para atacar o despoboamento e o paro.

Residencias de maiores

García Bermúdez lanzou unha “mensaxe de tranquilidade” aos veciños e veciñas de Becerreá porque “este Goberno cumpre”. Así o demostra, incidiu, coa apertura no pasado mandato de seis centros de atención a maiores, co que a día de hoxe conta con 9 en funcionamento. Ademais, ten dúas residencias en construción, e avanza no procedemento para abrir a de Becerreá e outras 6, co que completará a rede de 18 previstas.

“Queda de manifesto o firme compromiso que temos no Goberno”, subliñou a Deputada mentres a Xunta non abriu “nin unha soa residencia pública en 15 anos con Feióo e con Rueda”, e o PP “levounos ao xulgado para que non abríramos estes centros de atención aos maiores, e seguen enredando. Son capaces de todo, pero saíulles mal. Nós seguimos gobernando e vostedes, na oposición”. “Deberían pedir perdón por deixar un país cos servizos públicos desmantelados, pensando única e exclusivamente en facer negocio porque confunden o público co privado”, asegurou.

Os presupostos da Deputación para o ano 2024, recalcou, servirán para “seguir dando resposta a unha das maiores preocupacións da veciñanza, como é a atención aos nosos maiores”. De feito, as políticas sociais concentran un terzo do total dos fondos previstos, ata alcanzar os 38 millóns de euros, o que supón un 3 % máis ca neste ano.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18242979049683