A Deputación aproba acordos para investimentos en Ribeira de Piquín, Cervantes, Lourenzá e Guitiriz

LugoXa | TerraChaXa | AMariñaXa
Os cartos irán para infraestruturas, camiños, dotacións e equipamentos municipais
311024--Xunta-de-Goberno---Pilar-García-Porto
23 Nov 2024

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres acordos e contratacións que servirán para ofrecer máis e mellores servizos á veciñanza por un investimento de case 2 millóns de euros.

Entre eles, a Deputación achegará a Cervantes 111.000 euros para o acondicionamento de camiños nas aldeas de Piornedo e Riamonte de Arriba e tamén nas parroquias de Vilarello, Santalla, Vilasante e Vilaspasantes. Ademais, gracias a este investimento, a institución provincial financiará a compra de catro quentadores para o polideportivo no que se realizan eventos importantes para o municipio, como as feiras de artesanía, a degustación da tenreira ou a festa dos maiores. O Concello achegará preto de 90.000 euros para estas actuacións e así completar un orzamento conxunto de 200.000 euros.

Ademais, a Deputación investirá 113.000 euros na Fundación Terreo, de Ribeira de Piquín, para a adquisición de maquinaria, instalacións e obras que melloren a produtividade das súas actividades agrícolas, acuícolas e gandeiras. Entre outras actuacións, grazas a esta achega da institución provincial -que completa a Fundación Terreo con outros 2.165 euros- poderase construír un tanque para a piscifactoría; adquirir un vehículo frigorífico, ou unha fresadora.

En Lourenzá, a achega da institución provincial acadará os 111.000 euros e servirá para mellorar a nave municipal do recinto feiral Ponte de Cuñas. Grazas a esta actuación, para a que o Concello mariñán achegará outros 25.000 euros, acondicionarase esta dotación para convertela nun centro multiusos. As obras a financiar con esta colaboración serán a substitución da cuberta e o tapiado dos frontóns da edificación.

En Guitiriz, a Deputación colaborará con 143.000 euros para unha decena de actuacións. Mellorar a drenaxe e camiños nas parroquias de Roca, Buriz e Becín; acondicionar o espazo destinado a almacén no campo de fútbol de Suso de Cruz ou mellorar a explanada destinada a aparcamento no de Noreña Basanta en Parga son algunhas das obras que abordaremos con ese investimento.

0.16546893119812