A Deputación adxudica por 245.000 euros a mellora de dous treitos de estradas en Cervo

A Deputación de Lugo deu un novo paso para mellorar a rede viaria provincial no municipio de Cervo coa adxudicación das obras de acondicionamento de dous treitos das estradas LU-P-1503 e LU-P-1505. A Xunta de Goberno provincial aprobou contratar os traballos por 245.146 euros á empresa Desarrollos y Metas SL.
Unha das intervencións desenvolverase na LU-P-1503, que comunica Río Covo con Vilaestrofe pasando por Trasbar. As obras abranguerán 1,75 quilómetros, concretamente entre os puntos quilométricos 2,608 e 4,360.
Esta actuación permitirá continuar coa renovación que a institución provincial xa executou nesta estrada, onde anteriormente se acondicionaran preto dos tres primeiros quilómetros.
A vía ten especial relevancia para as comunicacións da zona porque enlaza coa LU-P-1502, que permite a conexión co municipio de Burela e co Hospital da Mariña. Ademais de mellorar os desprazamentos da veciñanza de Trasbar e Castelo, tamén presta servizo a outros núcleos e facilita o acceso a diferentes equipamentos e puntos de interese.
Entre eles atópanse os campos de fútbol da Granda, en Rúa, e da Chá, en Vilaestrofe, así como o Miradoiro de Monte Castelo, un dos recursos turísticos da comarca da Mariña.
A segunda intervención terá lugar na LU-P-1505, estrada que conecta o núcleo de Cervo coa N-642, Sargadelos e a parroquia de San Román de Vilaestrofe. Neste caso, o proxecto permitirá acondicionar preto de dous quilómetros de vía, entre os puntos quilométricos 2,190 e 4,111.
Os traballos previstos nas dúas estradas incluirán a limpeza de cunetas, melloras na drenaxe e a corrección de deficiencias existentes en diferentes curvas. Posteriormente procederase á extensión dunha nova capa de aglomerado en quente e, unha vez rematada esta fase, renovarase a sinalización horizontal.
A empresa adxudicataria contará cun prazo de catro meses para executar as obras, que permitirán mellorar tanto o estado do firme como a seguridade e comodidade dos desprazamentos por estas dúas vías provinciais de Cervo.