A Deputación actúa en estradas de Xove e Mondoñedo con melloras no firme e na seguridade

AMariñaXa
En Xove avanza un proxecto de máis de 810.000 euros en tres vías provinciais, mentres que en Mondoñedo comeza a rehabilitación de 2,6 quilómetros da estrada entre Viloalle e Figueiras
deputacion-Traballos-na-LU-P-2604-en-Xove
17 Sep 2026

A Deputación de Lugo mantén en marcha varias actuacións na rede provincial de estradas ao seu paso polos concellos de Xove e Mondoñedo, con intervencións destinadas a renovar o firme, mellorar a drenaxe e incrementar as condicións de seguridade e circulación para os usuarios.

En Xove, os traballos forman parte dun proxecto de acondicionamento que abrangue tres estradas provinciais e que suma un investimento de máis de 810.000 euros. As intervencións afectan á LU-P-2604, entre Xove e Valcarría por Monte; á LU-P-2601, que comunica a LU-862 co Portiño de Morás; e á LU-P-2605, entre A Tronca e Tarolo.

Precisamente, na LU-P-2604 está a piques de concluír a mellora do primeiro tramo, comprendido entre o inicio da estrada e o punto quilométrico 0,900. A actuación consistiu no fresado da calzada e na posterior aplicación dunha nova capa de aglomerado en quente.

A execución destes traballos obrigou a manter este treito pechado á circulación desde o pasado 7 de setembro. Unha vez rematada esta fase da intervención, a estrada quedará reaberta ao tráfico ao longo deste xoves.

As obras continuarán nos diferentes puntos incluídos no proxecto, co obxectivo de renovar o estado destas vías provinciais e mellorar as comunicacións locais.

Mentres avanzan as actuacións en Xove, a Deputación iniciou en Mondoñedo a rehabilitación do firme da LU-P-3108, que comunica Viloalle con Figueiras.

Os traballos concentraranse entre os puntos quilométricos 7,050 e 9,654, polo que permitirán actuar sobre preto de 2,6 quilómetros correspondentes ao tramo final da estrada.

A obra foi adxudicada á empresa Obras y Saneamientos Galicia SL por un importe de 79.698,07 euros e dispón dun prazo de execución de tres meses.

As intervencións en ambos municipios forman parte dos traballos de conservación e mellora que a institución provincial desenvolve na súa rede viaria, incidindo tanto na renovación dos pavimentos como nas condicións de drenaxe e seguridade das estradas.

0.13436079025269