A Deputación acorda o envío de axuda a Ucraína e licitar o contrato de mantementos das instalacións

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Xunta de Goberno aprobou este venres unha colaboración directa a través de Cruz Vermella por importe de 28.000 euros.
Pazo San Marcos Lugo
19 Mar 2022

A Xunta de Goberno aprobou este venres unha colaboración directa a través de Cruz Vermella por importe de 28.000€: 10.000€ de axuda económica e 18.000€ para a compra de materiais básicos de primeira necesidade.  Tamén foi licitado o contrato para o mantemento das instalacións térmicas e de control de prevención da lexionelose nas residencias da Fonsagrada, Pol, Trabada, Pedrafita do Cebreiro, Castroverde, Meira, Navia de Suarna e Ribas de Sil por 70.000€ e a licitación do mantemento das instalacións culturais e deportivas provinciais e dos servizos de impresión de publicacións propias.

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a axuda económica e material comprometida hai uns días polo Presidente da institución, José Tomé Roca, ao pobo ucraíno por importe de 28.000€. Trátase dunha achega económica de 10.000€ e outra en especie por importe de 18.000€ que, segundo explicou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, se destinará á compra de material básico de primeira necesidade que determinarán as organizacións que están traballando sobre o terreo e que poden ser dende produtos alimenticios a artigos hixiénicos ou sanitarios.

“Unha achega coa que queremos colaborar fronte á grave crise humanitaria que a brutal invasión rusa está provocando no este de Europa, con miles de persoas mortas e feridas e máis de 3 millóns de ucraínos e ucraínas que tiveron que escapar da súa casa, do seu país, para salvar a vida”, sinalou García Porto.

A voceira socialista explicou que as axudas se canalizarán “a través de Cruz Vermella, que é unha das organizacións que o Goberno de España estableceu para a colaboración con Ucraína” e que, ademais desta colaboración directa, a Xunta de Goberno ratificou a disposición da institución a colaborar “en todas aquelas medidas que sexan necesarias, como a procura de aloxamento temporal ou solucións habitacionais”, en función das posibilidades e recursos dispoñibles e da situación da provincia.

A Deputada tamén lembrou que os grupos políticos representados na Corporación provincial acordaron por unanimidade nunha Xunta de Voceiros e Voceiras unha Declaración Institucional na que condenan a invasión de Ucraína por parte de Rusia, ademais de expresar a súa total solidariedade co pobo ucraíno, reclamar o alto ao fogo inmediato e a volta á vía diplomática como única fórmula para resolver as diferenzas e alcanzar acordos de paz, e ratificar a plena dispoñibilidade da institución de axudar a paliar a crise humanitaria a través dos cauces establecidos polo Goberno de España.

Centros de Atención a Maiores da Deputación

Por outra banda, a Xunta de Goberno tamén acordou licitar o contrato para a prestación do servizo de mantemento integral das instalacións térmicas e de control e prevención da lexionelose nas residencias da Fonsagrada, Pol, Trabada, Pedrafita do Cebreiro, Castroverde e Meira -xa en funcionamento- e nos centros de Navia de Suarna e Ribas de Sil, que segundo lembrou a voceira socialista, está previsto abrir neste ano.

O importe base de licitación deste contrato é de 70.000€ e terá unha duración dun ano, prorrogable por outro máis, sen que a duración total exceda de dous.

Tamén quedou aprobada a modificación do contrato de subministro de enerxía eléctrica da Deputación de Lugo para incorporar ao mesmo o Centro de Maiores de Navia de Suarna facendo unha aportación que chega aos 17.600€, precisamente para seguir dando pasos de cara a abrir a residencia neste ano.

Parque Móbil provincial

A Xunta de Goberno aprobou así mesmo a licitación do contrato para a prestación do servizo de mantemento e reparacións dos vehículos especiais e maquinaria do Parque Móbil da Deputación por importe de 30.000€ e unha duración dun ano, prorrogable por outro.

INSTALACIÓNS DEPORTIVAS

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou tamén a licitación do contrato de mantemento e conservación das instalacións culturais e deportivas dependentes da institución provincial: o Museo Provincial de Lugo, o Museo do Mar de San Cibrao, o Pazo de Tor, o Museo de San Paio de Narla, o Centro de Artesanía e Deseño, a Capela de Santa María, o Pazo dos Deportes e a Escola de Piragüismo.

O contrato, cunha dotación de 141.000 euros, permitirá atender averías ou incidencias que poidan xurdir ao longo do ano, así como intervencións de mantemento preventivo para conservar os edificios en condicións de seguridade e alargar a súa vida útil.

A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro explicou que “licitamos o contrato tras abordar unha actualización de prezos nas unidades de obra para garantir a concorrencia das empresas e a continuidade da actividade e do emprego no sector. Entendemos que as administracións debemos ser áxiles á hora de abordar as consecuencias do aumento de custos e das dificultades de subministración que se viña arrastrando, e que todo indica que se agravará nos vindeiros tempos, para paliar o seu impacto na economía produtiva e no emprego”.

Maite Ferreiro tamén deu conta da aprobación en Xunta de Goberno da licitación do contrato de impresión e encadernación das publicacións de edición propia que o Servizo de Publicacións prevé realizar durante a anualidade, cun importe de 59.280 euros

A tamén responsable de Cultura subliñou que “o contrato se estrutura en lotes, un por publicación, para facilitar a concorrencia de máis empresas, especialmente de pequenas firmas de artes gráficas e impresión, que teñen dificultades para competir en prezo coas de maior dimensión” e dará continuidade “ao traballo que ven desenvolvendo o Servizo de Publicacións, coa edición de libros sobre valores culturais, patrimonio, etnografía, historia local ou arte de grande interese que raramente se abordan nos circuíos comerciais”

As licitacións publicaranse nos vindeiros días na Plataforma de Contratación do Sector Público.

0.21661686897278