A Deputación achega preto de 250.000 euros para impulsar a reforma da Praza de Abastos de Viveiro

A Deputación de Lugo colaborará co Concello de Viveiro no financiamento da reforma interior da Praza de Abastos mediante unha achega próxima aos 250.000 euros. A actuación foi aprobada este venres pola Xunta de Goberno provincial dentro dun paquete de investimentos destinado a reforzar a cooperación cos concellos e mellorar os servizos públicos.
O proxecto contará cun investimento global de 770.000 euros e permitirá modernizar este edificio histórico, inaugurado en 1925 e situado no casco histórico da cidade.
As actuacións previstas inclúen a reorganización dos espazos interiores para dar maior protagonismo aos postos de venda, a mellora da eficiencia enerxética e da accesibilidade, a renovación das instalacións e a incorporación de novos servizos co obxectivo de converter a Praza de Abastos nun espazo máis moderno, funcional e confortable.
Segundo destacou a Deputación, a intervención contribuirá tanto á conservación dun inmoble emblemático para Viveiro como ao impulso do comercio de proximidade, favorecendo a actividade dos produtores locais e dinamizando a economía do centro histórico.